Noticias
21 de agosto de 2018
Presentación do III Torneo Burela Bonita (31 de agosto e 1 de setembro)
O Torneo de Fútbol Sala Burela Bonita (31 de agosto e 1 de setembro) regresa un verán máis volvendo apostar por un cartel de luxo na súa terceira edición, con Palma Futsal, Santiago Futsal e Noia Futsal, xunto ao Pescados Rubén Burela FS, pero tamén coa estrea da competición xuvenil. Así se deu a coñecer esta mañá no consistorio burelao, que acolleu a presentación do evento coa presenza do alcalde, Alfredo Llano, e o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, na compaña do presidente do club laranxa, Manuel Blanco, e o vicepresidente, José Luis Sáez, así como os xogadores Iago Míguez e Renato.

Manuel Blanco animou a afección a achegarse a Vista Alegre para coñecer o novo equipo, un equipo repleto de forza e ilusión: “Será a presentación do noso equipo, da nova tempada, con caras coñecidas e caras novas, ademais de ter a oportunidade de gozar doutra parte moi importante do noso club, de todos os clubs, coa competición do equipo xuvenil, xunto a Palma Futsal, Santiago Futsal e EDM Guitiriz” aplaudía o presidente burelista, ante unha cita de emoción asegurada: “Vista Alegre reunirá os tres equipos galegos de Segunda División, xunto a un dos equipos de referencia en Primeira. Será un torneo moi bonito, sen dúbida, con gran competitividade e do que seguro que gozaremos todos”. Iago Míguez e Renato tamén quixeron animar a afección para verse arroupados: “Para os xogadores é moi especial presentarnos nunha cita deste nivel, con rivais desta entidade”, advertían os deportistas.

Dende o Concello, Alfredo Llano e Ramiro Fernández salientaron a súa firme aposta polo deporte, por este torneo e pola promoción de base. “Temos unha grande implicación, xunto co Pescados Rubén Burela FS, dende a primeira edición do torneo. É unha excelente oportunidade para promover tanto a práctica deportiva coma a afección polo deporte, sobre todo entre os máis novos. Será unha cita na que o atractivo estará garantido, con equipos de gran nivel, un gran referente para a nosa comarca e para a nosa provincia” valoraba o alcalde de Burela, sobre o que o concelleiro de Deportes facía fincapé, convidando a veciños e visitantes a deleitase co espectáculo: “Temos que agradecer a disposición do Pescados Rubén na organización de citas sempre de referencia e tamén polo seu traballo dedicado á base, que é unha das nosas preferencias dende o Concello. Unha clara mostra é a presenza da categoría xuvenil no cartel deste III Burela Bonita”.

Venda anticipada. Dende mañá, mércores 22 de agosto, os amantes do futsal poderán adquirir a súa entrada por tan só 5 euros/adult@s (abono único para os 2 días) na oficina do Pescados Rubén Burela FS (Avda. Arcadio Pardiñas, número 97, entreplanta). Para os menores de idade a entrada será totalmente gratuíta.

Horario: De luns a venres (9.00-14.00 horas)

Documentos relacionados:
172 KB
Cartel e horarios Burela Bonita 2018
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores