Noticias
29 de agosto de 2018
Matamoros: 'É un luxo presentarnos no Burela Bonita'
Este venres, o conxunto capitaneado por Jorge Valhermoso Matamoros, xunto a Edu, presentarase en Vista Alegre, co III Torneo Burela Bonita: “Será unha cita bonita, na casa e coa nosa afección. Temos ganas de xogar en Vista Alegre e de mellorar, sobre todo, aspectos tácticos” explicaba Mata desexando xa saltar á pista ante un cartel de luxo, con Santiago Futsal e Noia Portus Apostoli, ademais de Palma, xunto ao estreo dunha competición xuvenil: “É un luxo presentarnos así, con dous equipos da nosa categoría e Palma, de Primeira, un rival que se nos cruzamos con el vainos a esixir moitísimo”, explicaba en 10 do Pescados Rubén Burela FS no inicio da que será a súa sétima tempada na Mariña, con contrato ata 2021.

Os de Juanma Marrube estrearán a categoría sénior, o venres ás 19.30 horas, fronte aos compsoteláns, e ás 21.30 mediranse Palma e Noia: “Santiago é un equipo novo e novo, salvo poucos xogadores e o adestrador. Aínda que é un rival que mantén a súa filosofía, de ser moi competitivo e dar guerra. Santi Valladares sempre espreme e esixe aos seus xogadores” advertía o 10 laranxa, destacando o espectáculo garantido do derbi e con ganas de coarse na final do sábado (21.30 horas).

Xunto ao presidente, Manuel Blanco, e o vicepresidente, José Luis Sáez, Matamoros recoñecía a súa ilusión e ambición polo proxecto de 2018-19, como un dos seus principais baluartes: “Atópome ben, con ganas de empezar a competir e de facer un ano bonito e intentar mellorar a tempada pasada, sobre todo meternos arriba e estar entre os cinco primeiros” recoñecía sendo cauto, o pivote madrileño: “Creo que temos que ir con calma, traballar e ser constantes. Non queremos volvernos tolos, se temos opción de quedar no primeiro posto pelexarémolo, pero hai que ir con humildade”.

Con case un mes xa de traballo, Mata conta os días para o pistoletazo de saída da liga: “Está sendo unha pretempada dura fisicamente, tamén temos moito traballo táctico porque hai moitos xogadores novos e todos estamos desexando empezar a liga”, concluía o burelista.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores