Noticias
30 de agosto de 2018
Cristina: 'Podo achegar garra e sobre todo ambición en defensa'
Xunto ao presidente, Manuel Blanco, e o secretario, José Ángel Dovale, a pivote murciana Cristina Pérez Gil súmase ás Guerreiras Laranxas sen marcarse límites: “Podo achegar moita garra e sobre todo moita ambición en defensa. Gústame que o meu equipo teña o balón, pero cando non é así tamén gozo defendendo arriba e roubando balóns e creo que iso lle pode axudar moito ao equipo. Vin gañalo todo, a gañar todos os títulos. Este club e este equipo están feitos para iso”, explicaba a nova 5 laranxa na súa presentación oficial.

Aos seus 26 anos, a internacional desborda alegría e ilusión polo novo proxecto de Pescados Rubén Burela FS: “Ao principio escoitei a oferta sen determinación, pero logo de reflexionar uns días decidinme, díxenme: É o momento de facelo. Sempre soñara con dedicarme profesionalmente ao fútbol sala e este é o único club de España que o permite. Así que foi un soño cumprido que este club contactase comigo”, confesaba Cristina, moi a gusto no seu novo destino: “Gústame moito o compromiso por todo o club e do corpo técnico e todo o que hai detrás del, e claro tamén o compromiso das xogadoras”.

O Pescados Rubén Burela FS de Cristina xa tivo a oportunidade de poñerse a proba sobre a pista, coa fase de grupos de XIII Copa Galicia, na pista do Fisober FSF, de Autonómica, con vitoria das mariñás por 1-7 (Goles de Cristina, Cami -2-, Dany, Luci -2-, Peque): “Sentinme moito mellor do que pensaba. Saía con dúbidas de como me ía a atopar co equipo, ao ser o primeiro partido, só coincidira con Luci, en partidos da Selección,e con Peque, nalgún adestramento, pero nada máis” recordaba a autora do tanto inaugural para as de Julio Delgado e Lucas, con excelente adaptación ao cadro e na súa primeira experiencia deportiva fóra da súa terra: “As sensacións nos adestramentos son moi boas, tívenme que ausentar uns días por motivos familiares e quizais iso é o que peor levo, estar lonxe da casa, que pase algo na casa e estar a moitas horas de alí, pero ao final é adaptarse”, puntualizaba a pivote.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores