Noticias
21 de setembro de 2018
A pola primeira vitoria
O Pescados Rubén Burela FS terá o seu primeiro compromiso a domicilio mañá, na pista de Software DELSOL Mengíbar (18.30 horas, pavillón Sebastián Moya Lorca), co obxectivo de conseguir a primeira vitoria da tempada.

O empate agridoce do inicio de liga, coa visita a Vista Alegre do Gran Canaria FS (3-3), deulles forza aos pupilos de Juanma Marrube: “Gustaríanos empezar cos tres puntos porque era un partido na casa e aquí temos que ser fortes. Pero era a primeira xornada e aínda temos moita marxe de mellora. Ademais foi un partido moi raro, co continuo ataque de cinco do rival” analizaba así o gomero Imanol Chávez, que compartirá a rede laranxa este ano xunto a Edu.

Tras os dous empates de 2017-18 entre andaluces e galegos, os de Juanma Marrube atoparán un Mengíbar reforzado, coa chegada do pivote de Primeira Buendía, a gran referencia en Segunda de Fran Peña, o peche José López ou as incorporacións do ex do Burela Colacha ou Orellana. Con isto na retina, a escuadra laranxa traballou con actitude para regresar co primeiro triunfo, fronte a un rival perigoso que sucumbiu pola mínima ante Real Betis Futsal (2-1) cun gran partido en Sevilla e que quererá estrear a liga ante a súa afección cos tres primeiros puntos: “As sensacións son cada vez mellores. Sorprendeume a intensidade coa que volvemos todos o luns aos adestramentos; iso deixa ver que o equipo ten ganas de medrar e mellorar. Vai ser unha pista moi dura, pero imos con ganas e ilusión de sumar os primeiros tres puntos esta tempada” aseguraba o 23 burelista, que regresará por primeira vez a terras xienenses, tras o seu grande exercicio en 2017-18, con Jaén Paraíso Interior: “Tan só teño agradecemento; será moi bonito estar pola terra que me deu tanto o ano pasado”.

“Estou moi contento de vivir esta experiencia e de estar neste club, acompañado dun gran porteiro, Edu, que leva moitos anos xogando na LNFS. Desde o primeiro día a aclimatación foi boa tanto polos compañeiros como polo corpo técnico; Burela é unha vila pequena e encantadora, que o que a min me gusta, e a adaptación dun canario a Galicia está sendo boa tamén, de momento estanos respectando o tempo” puntualizaba entre risas o meta insular tras case dous meses de burelao. “Espero seguir medrando, xunto a Edu, traballar para xogar os máximos minutos posibles” concluía Imanol, prometendo “alegría, compañeirismo e sobre todo traballo” para conseguir os obxectivos.

O último adestramento estaba previsto para esta mañá, ás 11.30 horas, xa o Sebastián Moya Lorca. Juanma Marrube non poderá contar con Luisma e Porto, que cumprirán o seu segundo e úlitmo partido de sanción; tampouco estará Iago Míguez, por unha tendinopatía rotuliana.

Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 4. Lucho, 9. Pitero, 10. Matamoros, 11. Juanfran, 12. Renato, 14. Pope, 15. R. Vargas, 16. Aarón, 18. Adilson, 23. Imanol, 30. Hélder


Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores