Noticias
1 de novembro de 2018
Duelo de boas sendas (Tarde Laranxa. Sábado 3, 19.30 horas)
O Pescados Rubén Burela FS polo liderado, por segunda semana consecutiva, este sábado (19.30 horas) nun duelo de boas sendas coa visita do cuarto clasificado, Manzanares FS Quesos El Hidalgo, que chegará á costa lucense con 14 puntos, tan só 3 por baixo dos de Juanma Marrube. O encontro poderá seguirse online a través de Castilla-La Mancha TV; será o colofón da primeira Tarde Laranxa da tempada en Vista Alegre, que arrincará ás 17.00 horas coa xornada 6 de Primeira RFEF Liga Foro 16 Feminismo entre as Guerreiras Laranxas e Leganés Masdeporte.

Ambas as escuadras chegan nunha excelente liña. Os mariñás encadean 5 triunfos, tras os 2 empates do inicio de liga. Pola súa banda, os castelano-manchegos suman as 3 últimas por vitorias (Bisontes 2-1, Tenerife 2-7 e Betis 2-1) tras a única derrota ata o momento, fronte a ElPozo Ciudad de Murcia (6-3) na xornada 4. “Esperamos o sábado con ganas e sabendo que vén un rival directo. Manzanares ten un cadro de xogadores veteranos e este ano reforzouse bastante ben. Creo que vai ser un candidato a estar entre os cinco primeiros” advertía Jorge Valhermoso Matamoros, autor dun hat-trick no seu regreso ás pistas, a semana pasada, fronte a Santiago Futsal (3-9): “Estou moi contento, levaba un mes parado pola rotura de fibras pero non só estou contento polos tres goles senón pola vitoria e polo xogo que despregou o equipo” matizaba o 10 laranxa.

Para Matamoros, Manzanares vai esixir a mellor versión dos burelistas: “Vai ser un encontro complicado, imos ter que dar o noso mellor nivel para conseguir os tres puntos. Estamos nunha liña ascendente, cada vez estamos mellor e imos intentar seguir con esta senda” aseguraba o pivote madrileño.

Vista Alegre vestirase de longo nunha tarde de luxo, coa Familia Laranxa defendendo a primeira praza en Primeira RFEF e Segunda LNFS: “Tanto o equipo feminino coma o masculino estamos nun gran nivel; esperemos seguir así toda a tempada. Vai ser unha tarde moi bonita; animo os afeccionados a que gocen connosco”, concluía Matamoros.

O equipo finalizará a semana con dúas sesións en Vista Alegre, esta tarde, ás 16.00 horas, e mañá, ás 10.45 horas.

Descanso con Baloncesto


A Bomboneira gozará de máis deporte durante o descanso, cun partido de Benxamíns do Club Baloncesto Burela.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores