Noticias
16 de novembro de 2018
O líder quere recuperar a vitoria do Mausoleo Laranxa
O novel Colo Colo Zaragoza chega mañá ao mausoleo laranxa para medirse ao líder de Segunda LNFS na xornada 10 (18.30 horas). No regreso a Vista Alegre, o Pescados Rubén buscará non só manter a súa imbatibilidade senón tamén recuperar a vitoria como local.

“Vai ser complicado, levamos toda a semana traballando e concienciados de que é un partido importante para volver gañar na casa, tras o empate de Manzanares (2-2)” explicaba a Xoia Laranxa máis nova, Christian Rivas, Pitero, que tamén facía fincapé na relevancia da xornada por outros enfrontamentos da zona alta, entre o Betis Futsal (19 puntos) e o Talavera (18 puntos): “Tamén se miden o segundo e terceiro clasificados, así que se podemos sacar vantaxe será aínda mellor”, facía así referencia o burelao a apertada vantaxe dos mariñáns, con 21 puntos.


O conxunto maño chega na duodécima praza e tras a derrota fronte ao Betis. “Temos que manter a nosa liña de traballo e de xogo, sendo serios de principio a fin, e non cometer erros xa que é un rival que se aproveita moito diso” advertía o 9 laranxa dun Colo Colo que está sendo mellor como visitante ca como local; dos seus 9 puntos, 6 conseguiunos a domicilio, fronte a Gran Canaria (2-3) e Tenerife (3-5), nas xornadas 4 e 8. “A defensa é o noso gran sustento e a partir de aí o ataque chega só; temos que seguir así e intentar non coñecer a palabra derrota”, puntualizaba Pitero na súa primeira tempada como xogador sénior: “Estou moi feliz, Juanma estame dando a súa confianza e eu intento aproveitalo para seguir aprendendo, ademais estou tendo fortuna nos goles. Tan só espero seguir así para axudar en todo o que poida ao equipo”, recoñecía o ala-pivote, que coas dúas dianas do triunfo ante Rivas (2-5) da semana pasada xa leva 5, empatado con Matamoros e Pope, e por detrás dos 6 do pichichi,Juanfran.


Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 4. Lucho, 5. Luisma, 7. Porto, 9. Pitero, 10. Matamoros, 11. Juanfran, 12. Renato, 14. Pope, 15. R. Vargas, 23. Imanol, 30. Hélder

Convocatoria Colo Colo Zaragoza: 2. Diego Pardo, 5. Fran Tabuenca, 7. Juan Muniesa, 8. Daniel Meseguer, 9. Adán Fonfría 'Zucho', 10. Víctor Berges, 11. Alejandro Pasamón, 13. Guillermo Vela, 16. Santi Basmalís, 18. Carlos Sampedro, 21. Carlos García, 22. Pablo Trasobares
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores