Noticias
24 de novembro de 2018
E cúmprese a novena ante Majadahonda (3-1)
O Pescados Rubén Burela FS ofreceu dominio, posesión e ocasións ante o Majadahonda FS (3-1) aínda que cumprir coa novena vitoria e manter o pleno triunfal custoulle algo máis do esperado fronte a un rival que estivo en todo momento no partido grazas a unha boa defensa e sobre todo á gran intervención de Helen baixo paus.

O primeiro perigo recibiuno Jozi na rede local ante Andrea cun oportuno pé da brasileira, xa no minuto 2. Respondeu Dany, en galopada, tan só un minuto despois e a Jenny, no 6, fóiselle demasiado alto asistida por Lara Balseiro. Aos poucos foi en aumento a presión das laranxas sen tregua, Cilene fixo tremer as filas madrileñas no 10 e o 12. Con cinco minutos para o descanso, foi precisamente a 6 do Pescados Rubén a que vestiu a camiseta de porteira xogadora para abrir o luminoso. Aos 30 segundos Lara tívoa, cun atento despexe de Helen por arriba. Quedaban 43 segundos e chegou o merecido gol das galegas, nunha falta transformada maxistralmente por Cilene.

Dany e Jenny protagonizaron as primeiras tentativas ao regreso nunha segunda parte que co paso dos minutos converteuse en certas idas e vidas por momentos. Dany, a máis incisiva sobre a rede madrileña, puido por fin ampliar distancias no 32, finalizando unha transición rápida; a brasileira xa puxera a proba a Helen no 27 e 30. As de Raquel Mondoruza buscaron o gol con xogo de cinco no 37. As visitantes conseguiron reducir no 38 nun penalti transformado por Coral; a 17 madrileña volveu facer perigar a rede de Jozi no 39. Sobre a bucina Peque, nunha tarde excelente, subiu o definitivo 3-1 a porta baleira.


Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Jozi, Dany, Cristina, Cilene, Peque, cinco inicial; tamén xogaron Lara Balseiro, Cami, Jenny, Alves

Majadahonda FS: Helen, Sheilita, Ele Mateo, Coral, Andrea, cinco inicial tamén xogaron Marta Mateo, Jess, Yai, Chili, Anita, Moni

Goles: 1-0, minuto 20, Cilene; 2-0, minuto 32, Dany; 2-1, minuto 38, Coral (penalti); 3-1, minuto 40, Peque.

Árbitros: Corral Martínez // Vieito Regueira (Galicia). Por Burela amarela a Cilene (minuto 38), Dany. Por Majadahonda amarela a Sheilita (minuto 10), Coral (minuto 40).

Incidencias: Partido correspondente á xornada 9 de Primeira RFEF Liga Foro 16 Feminismo disputado en Vista Alegre ante unhas 500 persoas. Pescados Rubén e Majadahonda FS saltaron ao parqué para xogar Contra as Violencias de Xénero coa pancarta de Burela en Negro.


Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores