Noticias
1 de decembro de 2018
Os laranxas recuperan o liderado en solitario con 3-2 ante Córdoba
O Pescados Rubén Burela FS soubo sufrir esta tarde fronte ao Córdoba CF Futsal (3-2) para conseguir a vitoria e recuperar o liderado en solitario. Con orde, presión en zona alta, xestión de balón e sobre todo compromiso e traballo en equipo, os de Juanma Marrube levaron a iniciativa no marcador con respostas inmediatas dos andaluces. Os galegos sentenciaron o encontro con menos de dous minutos por diante, nun disparo de Pope co que entrou Matamoros.

Vargas intentouno ben no primeiro minuto con resposta efectiva de Cristian. Lolo Jarque perdoou nunha perda laranxa nas proximidades do minuto 4, na primeira chegada dos cordobeses. No 8, aos poucos segundos do seu salto á pista, Matamoros dispuxo da mellor dos galegos ata o momento, de novo cun acertado Cristian. Fronte a certa comodidade inicial dos visitantes, os burelistas foron facéndose dominadores do encontro cunha boa presión. A Xoia Laranxa máis nova de Juanma Marrube, Pitero, foi o encargado de abrir o luminoso a sete segundos de cumprirse o ecuador da primeira parte, recortando á defensa, pelexando un balón dividido e sentenciando. Respondeu rapidamente o Córdoba cunha xogada combinativa que finalizou David Leal, no 12.

O partido volveu comezar. Renato protagonizou unha de ouro, cun disparo afastado que buscaba a escuadra, sen éxito. Restaban máis de tres minutos para o descanso. Intentárono pouco despois R. Vargas, na área, a pase de Matamoros, e Pitero, de lonxe. Por fin, Lucho puido volver darlles a vantaxe aos mariñáns a falta de 1’32”, cazando un rexeite a tentativa de Matamoros, en xogada de estratexia. A 16 segundos, Juanfran non puido rematar o gran pase de Lucho para subir o terceiro.

Porto protagonizou dúas grandes ocasións de gol antes de cumprirse o primeiro minuto no regreso, cunha presión altísima dos dous conxuntos. No 27, un balón envelenadísmo de Renato deu en Luisma fronte a Cristian e foise fóra. Outra boa idea de Matamoros servida para Lucho, no 28, que non puido finalizar o xogador do Corgo. A mellor, e única, dos andaluces tivérona no 29 nunha triangulación que non obtivo control en última instancia, aproveitando unha perda local. Pero poucos segundos despois, Koseki, dentro da área, atopou de novo o empate e medrou nas súas intencións. Renato estivo moi atento no 32, cortando unha magnífica ocasión dos de Maca ao segundo pau. No 35, Cristian volveu saír airoso fronte a R. Vargas nunha acción entre Matamoros e Lucho, que caeu no onubense. Tan só 1 minuto despois, o pau rexeitou o gran control e definición do 15 laranxa a pase longo de Edu. O meta andaluz despexou o potente disparo de Pope de lonxe, no 37. E por fin chegou o terceiro para xúbilo da Bancada Laranxa a falta de 1’48” para a bucina final, cun disparo de Pope que superou a liña de meta con Matamoros en pugna con Cristian e outro xogador do Córdoba. Reaccionaron os visitantes con xogo de cinco a través de David Leal. Os galegos dispuxeron dunha ocasión a porta baleira, de Luisma, e dobre penalti de Mata, co 3-2 definitivo e de novo a primeira praza laranxa.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Luisma, Renato, Pope, R. Vargas, cinco inicial; tamén xogaron Lucho, Porto, Juanfran, Hélder, Matamoros, Pitero

Córdoba CF Futsal: Cristian, David Leal, Manu Leal, Keko, Cordero, cinco inicial; tamén xogaron César, Lolo Jarque, Pakito, Koseki

Goles: 1-0, minuto 10, Pitero; 1-1, minuto 12, David Leal; 2-1, minuto 19, Lucho; 2-2, minuto 29, Koseki; 3-2, minuto 39, Matamoros

Árbitros: Miguel Velasco F. // Miguel Velasco R. (Castela e León). Por Córdoba amarela para Cordero (minuto 28), Keko (minuto 38), Koseki (minuto 40)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 12 de Segunda LNFS disputado en Vista Alegre ante unhas 800 persoas.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores