Noticias
6 de decembro de 2018
Antepenúltima cita de 2018, con derbi en Noia
O Pescados Rubén Burela FS disputará o segundo e último derbi galego da primeira volta e de 2018, na xornada 13, este sábado na pista do Noia Portus Apostoli FS. O duelo irmandiño arrancará ás 17.00 horas, con emisión en directo de TVG2.

Os pupilos de Juanma Marrube poñerán a proba o liderado e a imbatibilidade fronte aos de Marlon Velasco, un equipo que está na 13ª praza (12 puntos) e que vén coa fortaleza anímica de derrocar da súa pugna polo cumio da táboa ao Real Betis Futsal, co empate 4-4 en Amate. “Nos derbis as forzas sempre se igualan. Noia é un rival duro, coa solidez de xogar na casa, e nós chegamos invictos e coas ganas de manter a primeira praza. O espectáculo estará garantido, con dous equipos que nos gusta atacar, e será aínda máis bonito ao ser televisado” incidía así o capitán, Edu, na motivación das dúas escuadras, destacando as armas dos coruñeses: “É un bo bloque, con calidade, ademais co cambio de adestrador parece que o equipo gañou en intensidade. No entanto, nós imos primeiros e temos que demostrar que somos os favoritos; temos que ser nós mesmos, non cometer erros e non perder o balón na súa primeira liña defensiva” advertía.

Os laranxas mantéñense fieis á folla de ruta marcada ao inicio do periplo 2018-19 para chegar ao ecuador competitivo en óptimas condicións: “Estamos nunha boa liña. Estamos traballando ben dende comezos de tempada, estamos defendendo case á perfección e en ataque están chegando os goles. O equipo ten que seguir nesta liña para cumprir o seu obxectivo” aseguraba o meta naronés.

Rivais directos.
Na segunda praza, Manzanares, con tan só 1 punto de desvantaxe cos laranxas, visitará o Córdoba, noveno (17 puntos). A Betis, terceiro (26 puntos), tamén lle tocará cita a domicilio, con Elche, oitavo (18 puntos). E na cuarta, Mengíbar (24 puntos) recibirá o sexto, ElPozo Ciudad de Murcia (19 puntos).

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores