Noticias
18 de decembro de 2018
As Guerreiras Laranxas blindan os seus dereitos
O Pescados Rubén Burela FS blindou esta mañá os dereitos das Guerreiras Laranxas coa sinatura do convenio colectivo do equipo feminino, un pequeno gran paso na igualdade e o profesionalismo do fútbol sala, pero tamén do deporte feminino en xeral. O presidente laranxa, Manuel Blanco, selou o acordo xunto ás capitás, Bea Mateos e Joziane de Oliveira, ademais da presidenta da Asociación de Xogadoras de Fútbol Sala Feminino, Natalia Orive, na notaría de Burela. O acto tamén contou coa presenza do resto do cadro, os vicepresidentes, Cesarina Fanego e José Luis Sáez, así como os directivos Rubén Blanco e Auditor Rodríguez e a secretaria xeral da AXFSF, Laura García.

Unha vez realizada a elevación a público do convenio ante o notario Ignacio Catania Palmer, que tamén quixo mostrar o seu apoio á igualdade sen aplicar ningún tipo de arancel polos seus servizos, a xunta directiva do Pescados Rubén dará rexistro do devandito documento nos próximos días na delegación de Lugo da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Tras unha traxectoria de anos como equipo profesional, este verán a directiva do Pescados Rubén Burela puxo sobre a mesa a posibilidade de negociación dun convenio colectivo para as xogadoras mariñás. O convenio que se asinou hoxe é o froito das negociacións entre o club, as xogadoras e a AJFSF, destes últimos meses; con vixencia desde o pasado 1 de outubro e duración de dous anos, contempla aspectos como a renovación automática no caso de embarazo, compromiso de vacacións en datas sinaladas, dereito a 10 días de Asuntos Propios por coidado de fillos ou maiores, axudas para conciliación familiar (garderías, axuda de libros de texto...), salario mínimo de 900 euros, con suba do 2% anual, o club compartirá dereitos de imaxe coas xogadoras e seguros de accidentes e invalidez.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores