Noticias
18 de decembro de 2018
Manuel Blanco: 'Este convenio é unha realidade no noso club e esperamos que se converta en normalidade no noso deporte'
“Para nós este é un día moi importante, a sinatura do convenio é un paso máis da nosa aposta incansable polo deporte feminino. Levamos anos traballando neste sentido, pola igualdade e polo profesionalismo do noso equipo feminino e este convenio é a mostra definitiva do camiño andado. Dentro da nosa estrutura non é un feito histórico, é un feito lóxico, co convenio non facemos máis que plasmar por escrito unha realidade do noso club e pensamos que debería converterse na normalidade do noso deporte” así se amosaba este mediodía o presidente do Pescados Rubén Burela FS, Manuel Blanco, tras a sinatura do convenio colectivo das súas xogadoras profesionais.

Dende o liderado de Primeira RFEF Liga Foro 16 Feminismo, as xogadoras do Pescados Rubén Burela FS participaron na formalización do acordo esta mañá na notaría de Burela, xunto á directiva da entidade laranxa e a presenza da Asociación de Xogadoras de Fútbol Sala Feminino.

Tras o acto, Manuel Blanco atendeu os medios de comunicación e deu a coñecer algúns dos detalles deste revolucionario convenio xunto á presidenta da AXFSF, Natalia Orive, as capitás Bea Mateos e Jozi de Oliveira e o vicepresidente burelista, José Luis Sáez.

Natalia Orive, dende a AXFSF, destacou o gran momento que comeza a vivir o fútbol sala feminino: “É un momento histórico, o momento das xogadoras deste club, é un momento histórico para o fútbol sala pero tamén para o deporte feminino en xeral. Ademais ten moito mérito o traballo do Pescados Rubén por normalizar unha situación que non é o habitual noutros equipos. Oxalá as xogadoras puidésemos ter 15 anos menos para vivir esta etapa de profesionalización. Con convenios como este e con clubs como este fan grande o deporte feminino” explicaba a presidenta da Asociación, dando a noraboa ao club laranxa e prestando a súa colaboración.

Pola súa banda, Bea e Jozi, recoñecéronse privilexiadas: “Hoxe tócame ser a portavoz de todas as miñas compañeiras cando digo que nos sentimos orgullosas de pertencer a este club. Temos que dar as grazas a Pescados Rubén por este esforzo, a Manolo, José Luis e Alfredo, xunto ao resto da directiva, que son os grandes responsables de que este convenio saíse adiante e de que sexamos un pouco máis profesionais do que eramos” valoraba Bea, coincidindo con Jozi: “Este convenio reforza todo o que o Burela leva anos facendo porque nós temos unhas condicións privilexiadas e esperemos que este convenio sexa un modelo a seguir, un exemplo, para outros clubs, porque dentro da categoría aínda nos falta moito por andar” puntualizaba a gardamenta brasileira, agradecendo tanto ao club coma a AXFSF o acordo.

Por último, José Luís Sáez quixo destacar o gran protagonismo do patrocinador, Pescados Rubén, en que este convenio sexa unha realidade, e agradeceu a predisposición da Asocación de Xogadoras para que todo se desenvolvera con axilidade: “Nós, na igualdade, pasamos das palabras aos feitos. Neste convenio, que implica un desembolso económico importante, grazas Pescados Rubén, a negociación foi moi doada, pola boa disposición de todas as partes, xogadoras, club e a Asociación de Xogadoras, e sobre todo por Natalia Orive, que mostrou a súa predisposición en todo momento, con todas as xestións, ata coas compañías para as pólizas de seguros”, puntualizaba así o vicepresidente concluíndo: “Sabemos que este é o primeiro paso para facer nomal e cotián algo extraordinario”.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores