Noticias
1 de febreiro de 2019
Cita de extremos antes do descanso ligueiro
O Pescados Rubén Burela FS visitará a pista do AD Sala Zaragoza o domingo (12.30 horas, La Granja), na xornada 17 de Primeira Liga Foro 16 Feminismo, antes do descanso ligueiro con motivo do Europeo (Gondomar, 15-17 de febreiro). As Guerreiras Laranxas buscarán defender o liderado (45 puntos) e a vantaxe de 3 puntos co Futsi Atlético Navalcarnero fronte ao penúltimo da táboa (5 puntos), nunha cita de extremos.

“Vai ser un partido máis difícil. Zaragoza fixo algunhas fichaxes de calidade, pero nós estaremos preparadas para calquera situación que se nos presente neste partido”, explicaba Cilene, facendo referencia á vitoria de Vista Alegre na primeira volta (2-0) e á reestruturación do rival coa recente chegada de tres brasileiras, a porteira Suzan Becerra, a ala-peche Jenifer Souza e a ala-pivote Livia Andrade. “Van axudar moito a Zaragoza nesta segunda volta”, advertía a 6 burelista, dun equipo novel na categoría que só puido puntuar ata o momento fronte Majadahonda (4-4), Femisport (7-1) e Leganés (1-1).

“Queremos chegar a este descanso cunha boa vitoria. Nós estamos traballando moito polo título. Foi unha boa semana de traballo e volveremos cos tres puntos” incidía así a brasileira, que aos poucos se vai recuperando das súas molestias de xeonllo, na relevancia de chegar ben ao merecido e necesario parón.

Convocatoria Pescados Rubén Burela FS. 1. Jozi, 3. Dany, 5. Cristina, 6. Cilene, 7. Peque, 8. Cami, 10. Lara Balseiro, 11. Alves, 12. Ana Romero, 14. Bea Mateos, 19. Luci

As laranxas na Eurocopa, entre Portugal e España


O conxunto burelista non poderá contar esta semana con Jenny, concentrada coa Selección de Portugal desde o pasado 27 de xaneiro, con miras á Eurocopa de Fútbol Sala que se disputará no seu país a mediados de mes. Á expedición de España tamén se incorporarán o luns, día 4, as outras dúas burelistas internacionais convocadas para a cita, Peque e Luci.


Regreso da liga, sábado 23


A liga de Primeira retomarase o sábado 23, abrindo a Tarde Laranxa Pescados Rubén Burela FS-FSF Móstoles, seguido do derbi irmandiño de Segunda LNFS fronte a Santiago Futsal.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores