Noticias
5 de febreiro de 2019
Pitero, laranxa ata 2021
A última Xoia Laranxa en ingresar na escuadra de Segunda LNFS, Christian Rivas García, coñecido como Pitero, seguirá sendo laranxa ata 2021. O novísimo ala-pivote do Pescados Rubén Burela FS estivo arroupado polo presidente, Manuel Blanco, e o adestrador, Juanma Marrube, na formalización da súa renovación para as dúas vindeiras tempadas.

“Estou moi feliz por seguir dous anos máis e oxalá sexan máis. É o club no que medrei, estou aquí dende pequeniño. É a miña casa e a miña xente e non podo pedir máis” confesaba ilusionado o 9 do Pescados Rubén Burela FS, recoñecendo un soño cumprido: “Antes de acabar a primeira volta, o club xa me trasladou a súa intención de renovación; foi todo moi doado porque ese tamén era o meu desexo. Para min é un orgullo que o club mostre deste xeito así a súa confianza en min e estou moi agradecido a Juanma, que me deu a oportunidade de xogar e aprender nesta categoría”, explicaba o burelao, aos seus 19 anos, con ganas de fútbol sala: “Esta é unha recompensa ao traballo e dáme máis forza para seguir neste camiño, aprendendo e medrando”.

Na súa primeira tempada de sénior e a pesar de que nas últimas semanas non puido participar por un proceso de pubalxia -do que evoluciona favorablemente-, Pitero leva disputados 15 encontros e con sinatura en 6 goles: “Creo que superou todas as miñas expectativas, esperaba unha boa tempada pero non así. Estoume adaptando moi ben, conto coa confianza do adestrador e lévome moi ben cos compañeiros; todo son axudas”, recoñecía o laranxa, devecendo con verse algún día na elite, xunto á escuadra mariñá: “Agora temos que centrarnos no obxectivo de volver a Primeira e oxalá poidamos estar moitos anos na máxima categoría”.

Manuel Blanco, pola súa banda, destacou a dedicación de Pitero como un exemplo na base. “Pitero asumiu o reto lanzado dende o club. Deu o paso adiante que lle pedía o adestrador con traballo e implicación, no seu primeiro ano como sénior. Así puido entrar na dinámica do equipo con minutos de responsabilidade e goles. Sen dúbida é unha promesa que ten un gran futuro por diante se continúa nesta liña, con constancia e traballo diario” explicaba o presidente burelista.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores