Noticias
15 de febreiro de 2019
Vista Alegre, talismán para defender a primeira praza (sábado 16, 17.00 horas)
Case todo a punto xa. Pouco máis de 24 horas restan para a gran cita da xornada 21 de Segunda LNFS. Vista Alegre subirá o pano o sábado ás 17.00 horas, coa atenta mirada de TVG2 e www.lnfsdirecto.es, como talismán para a defensa da primeira praza do Pescados Rubén Burela fronte a un dos seus rivais directos, Real Betis Futsal.

Os pupilos do ex-técnico burelista Daniel Ibañes saltarán ao parqué da Bomboneira con tres puntos de desvantaxe sobre os 45 dos de Juanma Marrube tras a derrota fronte a Santiago Futsal (1-2) da semana pasada. “Vai chegar con máis ganas aínda; virán aquí a por todas. Betis ten un cadro feito para ascender de forma directa, pero nós xogamos na casa. Estivemos traballando con plena concentración para minimizar os nosos erros e aproveitar os seus. En Sevilla soubemos esperar para aproveitar no momento xusto” explicaba Sergi Orgillés, Pope, facendo referencia á vitoria dos galegos en Amate (3-5) na primeira volta.

O Pescados Rubén Burela FS recibirá o máximo goleador (84) e equipo menos goleado (37) da categoría, un rival con antigos compañeiros laranxas, Víctor López, Bellvert e Burrito. Pope espera un grao de dificultade máxima, outra vez: “Será outra cita moi igualada, como na primeira volta. Decidirase todo por pequenos detalles, pero nós temos que aproveitar a nosa vantaxe: xogamos na casa, distanciámolos en tres puntos e o goal average”.

Burela e A Mariña viven ambiente de partidazo, dentro e fóra do vestiario: “É un dos partidos clave, aínda que non o único, porque queda aínda liga por diante. Esta semana, sen dúbida, é o partido a seguir da liga, pero non só no vestiario, ao longo da semana, pola rúa, a xente tamén nolo comenta” explicaba o ala-peche.

Todos os efectivos laranxas estarán a disposición de Juanma Marrube para a gran cita, excepto Pitero, que continúa evolucionando da súa pubalxia.

Manzanares, o terceiro en discordia


Manzanares, desde a terceira praza e empatado a 42 puntos cos béticos, terá un compromiso máis accesible; recibirá no seu feudo o último da táboa, Dimurol Tenerife.

Ofrecimiento de título xuvenil


Como antesala da gran cita, o equipo burelista xuvenil saltará ao parqué de Vista Alegre para ofrecer á bancada o trofeo da Liga de División de Honra Xuvenil 2017-18.

Xogo Mahou Cinco Estrelas


Durante o descanso, a cervexeira porá en marcha o xogo de Mahou Cinco Estrelas, no que se premiará a puntería da afección sobre a pista de Vista Alegre. O/a máis acertado/a conseguirá a súa camiseta oficial do Pescados Rubén Burela FS con Mahou.

Fase final XXVIII Copa Galicia


Esta semana completouse a lista dos equipos galegos que disputarán a fase final da XXVIII Copa Galicia, con Noia Portus Apostoli, tras impoñerse a Pizarras Los Tres Cuñados. Os cruzamentos de semifinais quedan así, á espera da comunicación por parte da Real Federación Galega de Fútbol de datas e sede:

1. O Parrulo FS (Primeira División)-Noia Portus Apostoli (Segunda División)
2. Pescados Rubén Burela FS (Segunda División)-Santiago Futsal (Segunda División)
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores