Noticias
16 de febreiro de 2019
Un líder máis líder
O Pescados Rubén Burela FS deu un pequeno paso de xigante no seu periplo cara ao soño da elite, cos tres máis que valiosos puntos ante o titánico Real Betis Futsal (5-4). Así, os de Juanma Marrube continúan liderando a clasificación de Segunda, con 48 puntos, avantaxando en 6 os andaluces e en 5 o Manzanares, que empatou ante o pechacancelas, Dimurol Tenerife (3-3).


O Vista Alegre das grandes ocasións non defraudou. Apoiou ata a extenuación e levou en voandas os laranxas para defender os tres puntos nun partido de altísimo ritmo, moito traballo, dureza e gran desgaste. Os de Juanma Marrube encamiñaron o encontro na primeira parte con 2-1 e conseguiron abrir fenda no comezo da segunda anotando ata 5-1 nun minuto, con case dezasete minutos de alternancia de xogo de cinco.

.
Mario Almagro tivo que defender a portería xa no minuto 3, tras as molestias de Cidao nunha saída. E os laranxas aproveitaron na primeira oportunidade, R. Vargas desde saque de esquina nun esférico que se lle escapou das mans ao meta verdibranco. Desde balón parado, o recentemente chegado ao conxunto de Daniel Ibañes, Keko, tivo unha de ouro que desartellaron entre Edu e o pau, minuto 7. Os pupilos de Juanma Marrube atoparon o 2-0 nunha gran saída de presión; triangulación perfecta dos galegos que culminou coa súa máxica zurda Matamoros (minuto 8). Poucos segundos despois a punto estivo de sorprender por arriba a Mario Almagro o 10 laranxa de lonxe, un bo balón de Lucho. Borja Blanco reduciu distancias no minuto 13, co 2-1, nunha boa definición pola banda, á que saíu Edu sen poder facer nada. Pouco despois, o ex dos laranxas Burrito estrelouna contra a portería. Mario Almagro evitou o terceiro local ante Luisma e Renato. Con máis catro minutos para o descanso os mariñáns ofreceron un recital defensivo. O tsunami da Marea Laranxa estalou coa espectacular parada de Edu, na sexta falta, con Borja Blanco como artilleiro. Matamoros liderou o xogo de cinco no último minuto do primeiro acto.

Aínda que as primeiras chegadas foron dos sevillanos, o Pescados Rubén Burela FS conseguiu romper o partido distanciándose ata o 4-1, en tan só 30 segundos, no minuto 23, en dúas recuperacións, finalizadas por Joselito e R. Vargas. Pediu tempo Daniel Ibañes para sacar a Borja Blanco como porteiro xogador; aproveitaron os de Juanma Marrube para subir o 5-1 a porta baleira, con autógrafo de Iago Míguez (minuto 24). Tardou pouco o Betis en recortar distancias con Elías, en parede (minuto 25). Matamoros volveu liderar o xogo de cinco para os laranxas, con valentía, e así poder cortar o ritmo visitante.


Os béticos atoparon o 5-3, no 29, en superioridade tras a segunda amarela de Renato, e de novo máis enchufados na cita. A defensa burelista, co talismán do omnipresente Edu, estivo sublime ante o incesante xogo de cinco dos béticos. Vargas colleu o ronsel de Mata na camisola azul, no 33. O meta naronés sacou unha man prodixiosa no 34 ante Borja Blanco; poucos segundos despois o muro foi Hélder. O porteiro laranxa mantivo a renda ante Elías, de falta, no minuto 34; con todo non tivo fortuna ante o ex dos mariñáns, Víctor López, pouco despois.

O alento das máis de 1200 persoas que asolagaron esta tarde a bancada de Vista Alegre deulles a fortaleza necesaria aos pupilos do Mariskal na recta final para manter a recado os tres puntos, con varias ocasións para ampliar a vantaxe, ata a porta baleira con Juanfran e Pope.


Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Lucho, Renato, R. Vargas Hélder, cinco inicial; tamén xogaron Pope, Juanfran, Luisma, Joselito, Matamoros, Iago Míguez

Real Betis Futsal: Cidao, Burrito, Borja Blanco, Tobe, Rubén Cornejo, cinco inicial; tamén xogaron Mario Almagro, Keko, Elías, Víctor Arévalo, Bellvert, Ivi, Víctor López

Goles: 1-0, minuto 4, Mario Almagro (p.p.); 2-0, minuto 8, Matamoros; 2-1, minuto 13, 3-1, minuto 23, Joselito; 4-1, minuto 23, R. Vargas; 5-1, minuto 24, Iago Míguez; 5-2, minuto 25, Elías; 5-3, minuto 29, Víctor Arévalo; 5-4, minuto 35, Víctor López;

Árbitros: Sánchez Llorente // Toca Campo (Cantabria). Por Burela amarela a Lucho (minuto 9), Juanfran (minuto 13), Renato (minuto 16 e 28), Luisma (minuto 19), Hélder (minuto 34), Pope (minuto 34), Matamoros (minuto 40), Edu (minuto 40). Por Betis amarela a Elías (minuto 9), Borja Blanco (minuto 27), Víctor Arévalo (minuto 27), Burrito (minuto 33), Bellvert (minuto 36), Ivi (minuto 37)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 21 de Segunda LNFS disputado en Vista Alegre ante máis de 1200 afeccionados/as.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores