Noticias
20 de febreiro de 2019
Confesións de Campioas
As Guerreiras Laranxas xa están ao completo para retomar a competición de Primeira RFEF Liga Foro 16 Feminismo, con Móstoles (Vista Alegre, sábado 23, 15.45 horas), co regreso de Peque e Luci, como campioas con España da primeira edición da Eurocopa Feminina de Fútbol sala da UEFA, e Jenny, como subcampioa con Portugal.

De volta, de novo xa afanadas na dinámica do Pescados Rubén Burela FS, as grandes triunfadoras de Europa, Patricia González Mota, Peque (Madrid, 1987) e Lucía Gómez González (A Coruña, 1992), falan da súa vivencia.

Como se vive unha experiencia histórica?

Peque. É un soño feito realidade e mesmo o superou, por como foron os resultados e por como xogamos. Quedo co grupo de persoas; tiñamos o mesmo soño e formamos uns lazos que van durar toda a vida.

Luci. Foi vivir un soño. Foi unha experiencia moi bonita, gozamos cada momento e loitamos tanto dentro coma fóra da pista polos nosos obxectivos. Foron uns día inexplicables.



Esa final con Portugal era a esperada. Como se vive con compañeiras de equipo na túa selección e na rival?



Peque. A rivalidade con Portugal é coñecida por todos, pero ao ter nese equipo a Jenny estivemos moi atentas a ela, sobre todo cando tocou o final; poñéndome na súa situación, estes días estará un pouquiño de baixón. Este é o lado amargo do deporte, pero Jenny ten que estar moi orgullosa de participar e loitar na primeira Eurocopa Feminina, chegando á final. É unha xogadora moi nova á que queda moito percorrido por diante.

Vivilo con Luci foi incrible. Foi unha experciencia que nos uniu aínda máis. Vivímolo xuntas e só con mirarnos sabemos que dicir.

Luci. Todos as seleccións desa final four eramos dignas merecedoras de estar aí. Contra Rusia saíunos todo moi ben; para nós esa era nosa final e como tal preparámola.

Aquí, en Burela, estamos afeitas a vivilo todo xuntas e na final existía esa barreira de rivalidade. Vía a Jenny con esa cara seria e de concentración. Desexámoslle sorte; eu quería que lle saíse un bo partido, pero desde logo non desexaba que gañase.

Para min é un orgullo xogar con Peque, en Burela e na selección. Creo que é unha xogadora incrible, alégrome moito de vivir este éxito con ela.


Que paso dan esta xeración e o fútbol sala feminino coa primeira Eurocopa oficial?


Peque. Nós sabiamos que tiñamos a presión de gañar para que o fútbol sala feminino seguise avanzando en España. Agora é o momento do fútbol sala feminino e temos que aproveitalo. Ensinamos ao mundo que este deporte é moi bonito, que dá espectáculo e que enche pavillóns.

Luci. Ábrense oportunidades para o fútbol sala feminino. Foi unha cita con moita visibilidade; comentouse que a raíz do éxito desta Eurocopa estaba a exporse un mundial desde FIFA. É un paso máis para avanzar no deporte. Sei que somos un referente para as nenas; creo que isto lles pode axudar a cumprir mellor os seus soños e haberá moitas máis posibilidades no fútbol sala feminino.


Como foi a celebración e como foi a chegada a Burela?


Peque. A celebración foi como se merecía. Cando se asubiou o final foi unha explosión de alegría incontrolable. Aínda se me nota na cara que foi unha experiencia única. Aquí temos unha pequena familia; foi todo unha alegría. Nada máis chegar quedei con varias compañeiras para tomar un café un comentar todos os detalles.

Luci. Celebrámolo ao grande, como se merecía. Recibíronnos cos brazos abertos, recibimos moitas felicitacións. Tiñamos moitas ganas de compartilo coas compañeiras, co equipo que compartimos o noso día a día. Seguíronnos a través da tele, en todo momento, e mesmo desde a bancada.


Que obxectivo queda agora coa Selección, despois deste soño cumprido?


Peque. Eu xa estou a soñar coa próxima Eurocopa. Agora vén unha xeración moi forte de xogadoras e eu xa teño unha idade, pero vou seguir loitando por estar aí. Esta Eurocopa deume máis forza e ilusión da que tiña para ir convocada coa Selección, que era máxima. Así que seguirei traballando e loitando ata que o corpo ature.


Luci. Agora teño que seguir traballando. Para min ir convocada coa selección xa era un logro incrible e nunca, nin nos meus mellores soños, imaxinaría gozar desta primeira Eurocopa. Estou moi orgullosa, é froito do esforzo e traballo de moitos anos, e quero seguir mellorando e medrando. Oxalá poida vivir momentos únicos como os que vivín estes días coa Selección.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores