Noticias
22 de febreiro de 2019
Derbi galego para pechar a Tarde Laranxa
O Pescados Rubén Burela FS defenderá a primeira praza de Segunda LNFS mañá coa visita de Santiago Futsal (18.30 horas) para pechar a Tarde Laranxa que abrirán as Guerreiras, no liderado de Primeira RFEF, ás 15.45 horas fronte a Móstoles FSF. O gran derbi galego poderá seguirse en directo por TVG2.

“Esperamos o ambiente da semana pasada, que foi incrible, e que a xente veña a gozar do fútbol sala e da Tarde Laranxa. Oxalá os tres puntos poidan quedar en Vista Alegre nos dous partidos”, explicaba Hélder Gonçalves, ilusionado coa emoción típica deste tipo de citas na Bomboneira.

“Os derbis sempre son complicados, co engadido nesta xornada de que Santiago chega cunha dinámica positiva, empezou ben a segunda volta”, advertía o 30 mariñán, dun rival que non coñece a derrota desde a xornada 16. As vitorias fronte a Córdoba (3-0), Tenerife (3-7), Noia (4-0) e Betis (1-2), ademais do empate con Elche (3-3), levaron os composteláns á oitava praza (30 puntos) con ganas de play off.

En Santa Isabel, os de Juanma Marrube encamiñaron axiña a cita, con 3-9 definitivo, fronte a un conxunto defendido baixo paus polos ex-laranxas Iago Barro e Álex Pérez. Nesta ocasión o guión non se espera da mesma forma: “Non será o partido da primeira volta. O Santiago está nunha boa situación e conta co reforzo, ademais, de Christian Chao, que está a ter moito acerto para portería, xunto a Everton; son dous xogadores con moita pegada”, explicaba Hélder, destacando a chegada do ex-burelista Christian, desde o Noia. “Incidimos moito na defensa desde a súa estratexia, coa que fan moito dano, así o demostrou con Betis nese 1-2”, puntualizaba o ala-pivote.

Todo o vestiario estará disposición de Juanma Marrube, a excepción do lesionado Pitero, que continúa evolucionando da súa pubalxia.

Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 2. Joselito, 4. Lucho, 5. Iago Míguez, 6. Luisma, 7. Porto, 10. Matamoros, 11. Juanfran, 12. Renato, 14. Pope, 15. R. Vargas, 23. Imanolo CD, 30. Hélder

Sorteo para o CD Lugo-Elche

Un dos soci@ s máis madrugadores poderá conseguir unha entrada dobre para presenciar o partido CD Lugo-Elche do Anxo Carro, o domingo 24, ás 18.00 horas, nunha xornada de rivais directos.

Zona Infantil


Vista Alegre volverá engalanarse tamén este sábado con diversión para os máis pequenos con inchables e globoflexia.


Xogo Mahou Cinco Estrelas


Durante o descanso, a cervexeira porá en marcha o xogo de Mahou Cinco Estrelas, no que se premiará a puntería da afección sobre a pista de Vista Alegre. O/a máis acertado/a conseguirá a súa camiseta oficial do Pescados Rubén Burela FS con Mahou.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores