Noticias
23 de febreiro de 2019
Os tres puntos irmandiños quedan co líder
Os pupilos de Juanma Marrube pecharon a Tarde Laranxa ao grande con 5-2 sobre Santiago Futsal, reafirmándose no liderado cos tres puntos irmandiños, nunha vitoria moi traballada, ante un rival esixente en presión e forte en xogo de contacto.

Xa avisaba Hélder por semana. O maior perigo dos composteláns era a estratexia e así conseguiu adiantarse o rival, xa no minuto 3; Everton cazou o despexe de Edu ante unha falta ao bordo da área. O Pescados Rubén Burela FS recuperou táboas no 14, nun penalti de Matamoros. En menos de 30 segundos, Pope tivo tres seguidas de ouro, sen éxito; tentárono Mata e Luisma tamén. Nos mellores minutos dos mariñáns, a falta de 2 para o descanso, Iago Míguez adiantou os da casa, ao segundo pau nunha boa chegada de Lucho. O tándem Iago-Lucho a punto estivo de sorprender ao ex do Pescados Rubén Álex Pérez, segundos despois.

Xestionaron ben os laranxas a súa vantaxe no segundo tempo. Hélder aproveitou o desaxuste defensivo visitante para atopar á perfección a Luisma, só ante Álex Pérez, no 23; o 6 laranxa recibiu e revirouse para sentenciar entre as pernas do meta rival. Os de Santi Valladares conseguiron meterse de novo no partido, co 3-2, no seguinte minuto, nunha falta materializada por Everton pegada ao pau. Matamoros, de falta, e Hélder, en perfecta sintonía con Lucho, a punto estiveron de sorprender a Álex. A Bomboneira subiu o 4-2 para éxtase da Marea Laranxa, nunha falta; Mata deixou pasar o pase de Pope para finalizar maxistralmente Renato ao bordo do ecuador. O meta compostelán de novo, no 31, evitou o quinto ante Iago Míguez a pase de Renato.


Con cinco faltas para os laranxas e máis de catro minutos por diante, Santiago saíu con xogo de cinco e respondeu Pescados Rubén con Matamoros tamén como porteiro xogador. Zequi viu a segunda amarela falta de 1’08”. Tiveron que afrontar o último minuto os de Santi Valladares en inferioridade, co lastre das cinco faltas. A falta de 29 segundos Matamoros completou a faena co 5-2 en dobre penalti.


Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Lucho, Renato, R. Vargas, Hélder, cinco inicial; tamén xogaron Pope, Iago Míguez, Joselito, Luisma, Matamoros, Porto

Santiago Futsal: Álex Pérez, Christian, Santi, Everton, Dani Blanco, cinco inicial; tamén xogaron Isma, Brian, Zequi, A. Mirás, Lucas, Iago Barro

Goles: 0-1, minuto 3, Everton; 1-1, minuto 14, Matamoros; 2-1, minuto 18, Iago Míguez; 3-1, minuto 23, Luisma; 3-2, minuto 24, Everton; 4-2, minuto 30, Renato; 5-2, minuto 40, Matamoros (d. p.)

Árbitros: Abdulay Ndoho // Sarabia Eguiluz (A Rioxa). Por Burela amarela a R. Vargas (minuto 19), Lucho (minuto 32). Por Santiago amarela a Zequi (minuto 15 e 39), Everton (minuto 19), Christian (minuto 32), Dani Blanco (minuto 32), Santi (minuto 34)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 22 de Segunda LNFS disputado en Vista Alegre ante uns 1100 afeccionados/as.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores