Noticias
7 de marzo de 2019
Manzanares, reto para os burelistas
O Pescados Rubén Burela FS volve este sábado á competición, na xornada 23, coa visita á pista do Manzanares Quesos El Hidalgo FS (18.15 horas), co reto de reforzar o seu liderado (51 puntos) nunha das canchas máis complicadas de Segunda LNFS, cun equipo que ocupa a cuarta praza (43 puntos): “É un dos destinos máis complicados da liga, tanto polo seu ambiente coma pola súa pista, debido a que non estamos afeitos a xogar en superficie de goma. Será un rival complicado coma na primeira volta”, advertía Lucho facendo referencia ao empate (2-2) de Vista Alegre.

Parece ser que os laranxas o descanso pola Copa de España de Valencia lles sentou ben: “Estabamos nunha boa etapa de traballo e de resultados, pero creo que nos veu ben para desconectar e cargar pilas neste novo ciclo da tempada” recoñecía o 4 burelista, antes de poñer rumbo a terras castelás.

Os de Juanma Marrube farán fronte ademais á motivación dun equipo que vén de empatar con Tenerife (3-3) e de caer con Betis (4-1): “Está a ser un equipo menos regular. Co cambio de adestrador, tamén cambiaron as virtudes do equipo, pero seguen tendo xogadores experimentados que controlan moi ben os tempos do partido, cunha escuadra compacta que encaixa moi pouco” reflexionaba o xogador do Corgo, incidindo na concentración dos seus: “Temos que tratar de minimizar ao máximo os nosos erros ante un rival de xogo directo e que sabe aproveitar moi ben os desaxustes contrarios”.

“Temos que pensar partido a partido. Tres puntos en Manzanares daríannos sobre todo confianza para seguir aspirando ao que queremos”, concluía Lucho.

A escuadra de Juanma Marrube partirá esta noite, ás 22.30 horas, con rumbo a Manzanares. A última sesión da semana realizarase mañá na pista do Valdepeñas FS, ás 10.00 horas.

Non formarán parte da expedición Pitero, pola súa pubalxia, nin Iago Míguez, por unha doenza isquiotibial.

Expedición Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 2. Joselito, 4. Lucho, 6. Luisma, 7. Porto, 10. Matamoros, 11. Juanfran, 12. Renato, 14. Pope, 15. R. Vargas, 23. Imanol CD, 30. Hélder


Rivais directos

A priori os rivais directos dos galegos teñen compromisos menos complicados. Na segunda praza, Betis (45 puntos), visita a Rivas en oitava posición. Mengíbar, empatado cos béticos, tamén terá cita a domicilio, en casa do Noia Portus Apostoli, décimo quinto.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores