Noticias
23 de marzo de 2019
En xogo, necesidades diferentes en Zaragoza
E quedan seis. O Pescados Rubén Burela FS afronta unha final máis, na xornada 25 de Segunda, coa visita á pista do Colo Colo Zaragoza, pechando a fin de semana (domingo, 12.30 horas, La Granja). Os mariñáns buscarán manter a renda da primeira praza (57 puntos) ante un rival que ocupa a 13ª posición, a 5 puntos dos postos de perigo.


“Estamos nunha dinámica positiva, iso dános confianza e sabemos desde hai xornadas que cada partido é unha final” incidía a última incorporación da escuadra laranxa, Joselito, advertindo que Zaragoza non será un camiño de rosas: “Será un partido moi complicado, nunha pista de goma, e fronte a un rival que vén de competir moi ben contra Betis, cunha derrota moi axustada (2-1). É un equipo físico e de envergadura, con moito perigo en xogo directo e con xogadores con experiencia” analizaba o 2 do Pescados Rubén, encomendándose á filosofía de Juanma Marrube para sacar adiante a cita: “Traballamos ben durante a semana para afrontar con garantías a cita. Sendo ordenados teremos moito gañado; non podemos contaxiarnos do seu xogo, como nos pasou a semana pasada con Rivas”.

Con 6 partidos de liga e 1 de Copa Galicia nas filas burelistas, o ala andaluz, que chegou no mercado de inverno desde Palma Futsal, atópase feliz na costa lucense: “Desde que cheguei non me faltou de nada, estou moi contento, tanto pola parte do club como dos compañeiros e corpo técnico; tratáronme coma un máis. Coa súa axuda a adaptación foi máis doada”, concluía así Joselito.

O equipo de Juanma Marrube partirá este mediodía cara ao seu destino da xornada 25. Ás baixas de Pitero e Iago Míguez súmase Matamoros, por unha pequena rotura de fibras no xemelgo dereito sufrida durante os adestramentos da semana.


Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 2. Joselito, 4. Lucho, 6. Luisma, 7. Porto, 11. Juanfran, 12. Renato, 14. Pope, 15. R. Vargas, 17. Nito, 23. Imanol CD, 30. Hélder



Compromisos de podio

O conxunto galego disputará mañá o partido, coñecendo os resultados dos seus rivais directos. Na segunda e terceira praza respectivamente con 51 puntos, hoxe desprazaranse Betis a Talavera (undécimo) e Mengíbar a Barcelona (sexto).
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores