Noticias
24 de marzo de 2019
O líder remonta na segunda parte (3-5)
O Pescados Rubén Burela FS mantén a súa privilexiada praza intacta tras pechar a xornada 25 esta mañá cunha máis que traballada vitoria na pista do Colo Colo Zaragoza (3-5). Os pupilos de Juanma Marrube, sen xerar demasiada ameaza en ataque na primeira parte, conseguiron dar a volta a un 2-0 en contra a partir do minuto 27, co xogo de cinco como baluarte.

A pista de La Granja presenciou unha primeira parte moi igualada na que os de Juanma Marrube gañaron en posesión de balón, aínda que con pouco perigo. O Colo Colo púxose por diante no minuto 14 grazas ao goleador Muniesa, tras un córner de Mese; antes Porto tivera unha de ouro, ao segundo pau.

O conxunto local ampliou distancias no reinicio, xa no 23, en contragolpe finalizado por Trasobares, tras xogada combinada con Diego Sancho. Con 2-0 en contra e con 14 minutos por diante, os galegos probaron con xogo de cinco. Juanfran, en igualdade numérica, foi o encargado de iniciar a remontada, no minuto 27, nunha transición que culminou o murciano ao segundo pau, e así recuperaron os burelistas o porteiro xogador para o empate, nas zapatillas de Pope (minuto 33). Segundos tardou o 14 burelista en poñer por diante os laranxas, controlando e sentenciando un saque directo de Edu, unha vantaxe que ampliou Renato, no 36 (2-4). Os maños apostaron entón por Tabuenca como porteiro xogador, para non deixar escapar a cita, pero foi Juanfran, no 39, o que volveu facer acto de presenza sobre a rede local, en cinco para catro, para dar máis tranquilidade aos mariñáns.

Nos últimos segundos, o Zaragoza reduciu distancias con Carlos García, en transición tras unha grande ocasión de cinco dos burelistas, soando a bucina co definitivo 3-5, e tres novos puntos para o líder.

Tarde Laranxa, sábado 30

Os pupilos de Juanma Marrube regresarán o vindeiro sábado a Vista Alegre coa visita de Soliss FS Talavera (20.15 horas) na xornada 26 de Segunda para pechar a Tarde Laranxa de líderes inaugurada polo 23º compromiso de Primeira RFEF Liga Foro 16 Feminismo en derbi irmandiño ante o Poio Pescamar FSF (17.15 horas).

Ficha técnica


Colo Colo Zaragoza: Basmalis, Muniesa, Zucho, Carlos García, Fran Tabuenca, cinco inicial; tamén xogaron Pasamón, Diego Sancho, Mese, Diego Pardo, Trasobares, Raúl Izquierdo


Pescados Rubén Burela FS: Edu, Lucho, Porto, Renato, Hélder, cinco inicial; tamén xogaron Luisma, Joselito, Pope, R. Vargas, Juanfran


Goles: 1-0, minuto 14, Muniesa; 2-0, minuto 23, Trasobares; 2-1, minuto 27, Juanfran; 2-2, minuto 33, Pope ; 2-3, minuto 34, Pope; 2-4, minuto 36, Renato ; 2-5, minuto 39, Juanfran; 3-5, minuto 40, Carlos García.

Árbitros: Mamolar Calvo R. // Mamolar Cavo S. Por Zaragoza amarela para Diego Sancho (minuto 22), Carlos García (minuto 27). Por Burela amarela para Lucho (minuto 21), Hélder (minuto 23)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 25 de Segunda LNFS disputado en La Granja.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores