Noticias
29 de marzo de 2019
Tarde Laranxa, co campión galego na busca da terceira praza
As Guerreiras Laranxas estrearán mañá a Tarde Laranxa, ás 17.15 horas, coa visita do campión galego, do Poio Pescamar FSF, que chega a Vista Alegre buscando a terceira praza de Primeira RFEF Liga Foro 16 Feminismo. O gran derbi irmandiño da xornada 23 poderá seguirse en directo a través da web de TVG2.

O Pescados Rubén Burela FS defenderá o liderado (63 puntos) fronte a un equipo que recalará co pulo de impoñerse en duelo directo con Jimbee Roldán e así empatar a 44 puntos. “Sabemos que contamos co apoio da casa, que non poden escapar os tres puntos, pero tamén somos conscientes de que vai ser un partido moi complicado” advertía Cami, autora dos dous goles definitivos que lle deron a sufrida vitoria ao conxunto de Julio Delgado e Lucas a semana pasada na pista do Penya Esplugues (3-4).

“Estamos traballando moito a defensa, en repregamentos, porque na pista de Esplugues sufrimos un pouco e en alerta fronte ás individualidades do Poio: Daniella, que ata o balón como pivote, Ceci, con moita finalización, e a capitá, con boa defensa” advertía a 8 burelista, incidindo tamén en “afinar en finalización”, fronte a un equipo que xa souberon como manexar na primeira volta, con 2-4 a favor.

Cami atópase en boa etapa defendendo a elástica laranxa, con moita intuición de cara a portería nas últimas xornadas: “Estou moi contenta, pero o mérito tamén é das miñas compañeiras, axúdanme moito” confesaba a brasileira, que mañá chegará entre algodóns, por pequenas molestias no xeonllo tras o adestramento desta mañá.

A única ausencia será Cristina, pendente da súa intervención de xeonllo.

Futsi, seguindo o ronsel


As madrileñas continúan á espreita das laranxas, con 60 puntos, e a visita a Guadalcacín, en 13ª praza con 14 puntos.

Convocatoria Pescados Rubén Burela FS.
1. Jozi, 3. Dany, 6. Cilene, 7. Peque, 8. Cami, 9. Jenny, 10. Lara Balseiro, 11. Alves, 12. Ana Romero, 14. Bea Mateos, 18. Popó, 19. Luci

Zona Infantil


Os máis pequenos poderán gozar durante toda a Tarde Laranxa de zona infantil, con hinchables e pintacaras.


Xogo Mahou Cinco Estrelas


Durante o descanso, a cervexeira porá en marcha o xogo de Mahou Cinco Estrelas, no que se premiará a puntería da afección sobre a pista de Vista Alegre. O/a máis acertado/a conseguirá a súa camiseta oficial do Pescados Rubén Burela FS con Mahou.


Un refrixerio a media tarde


Para recuperar forzas e facer máis levadeira a espera para o segundo acto da Tarde Laranxa, con Pescados Rubén Burela FS-Soliss Talavera, a clientela do bar poderá degustar, con cada consumición, un bocadillo de chourizo á brasa
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores