Noticias
11 de abril de 2019
Edu: 'Na casa, coa nosa xente e co xogo que transmitimos podemos conseguir algo inesquecible'
Os pupilos de Juanma Marrube abrirán este sábado unha Tarde Laranxa que pode ser histórica, rozando o gran soño do regreso á elite. O Pescados Rubén Burela FS medirase ao Noia Portus Apostoli, na cita 28, a partir das 17.30 horas para dar paso ao Clásico de Primeira RFEF fronte ao Futsi Atlético Féminas (20.00 horas), nunha xornada con emisión en directo de TVG2 dende Vista Alegre. “Levamos traballando dende agosto para chegar nesta situación a este partido. Está nas nosas mans conseguir o ascenso a Primeira División, o que todos tanto desexamos”, advertía o capitán Edu.

“Na casa, coa nosa xente e co xogo que levamos transmitindo toda a tempada conseguiremos os tres puntos e conseguiremos algo inesquecible para o club”. Con 9 puntos de vantaxe sobre Mengíbar e Betis, os mariñáns poden certificar o ascenso esta semana; precisan polo menos un empate, pero iso non cambia a filosofía laranxa: “A nosa mentalidade é a de pensar que cada semana é unha final e que o noso obxectivo é a vitoria en cada partido. E así seguiremos ata que remate a liga”, aseguraba o meta naronés ante o derbi irmandiño.

Intentando fuxir da zona de perigo o Noia chega nunha boa liña, coa recente vitoria ante Betis (5-2). Edu agarda un duelo nada doado: “O Noia vén encadeando tres triunfos moi importantes, estase xogando a permanencia na categoría e virá a Vista Alegre con todo. Para eles tamén é unha final”, incidía o 1 burelista, destacando as calidades dun equipo reforzado no mercado de inverno que ocupa a 14ª praza con 28 puntos.


“A afección sempre estivo aí, nos bos e nos malos momentos, e este sábado máis ca nunca os afeccionados de Burela, da Mariña e de todo Lugo, teñen que estar con nós. Queremos un pavillón cheo, e vestido de laranxa, que nos axude a conseguir o soño de todos”, concluía o capitán, emocionado e esperando repetir unha desas grandes tardes na Bomboneira.

Se non hai cambios, Juanma poderá dispoñer de todo o vestiario, a excepción de Pitero, co regreso de Matamoros. O conxunto mariñán rematará a semana con sesión esta tarde e mañá pola mañá en Vista Alegre.


Retirada de entradas de socios/as e apertura de taquilla

Debido á gran demanda e interese que está suscitando a Tarde Laranxa deste sábado, os socios/as do Pescados Rubén Burela FS terán que recoller a súa entrada (gratuíta).

Para acceder as instalacións o sábado todos os socios/as deberán dispoñer da súa entrada, que poderán retirar na sede do club xoves e venres ou no pavillón, o sábado pola mañá.

Xoves e venres (sede laranxa): 8.30-14.00 horas//16.00-19.00 horas
Sábado (pavillón Vista Alegre): 11.00-13.00 horas


A venda anticipada de non socios/as xa está esgotada. Reabrirase en taquilla, o sábado, ás 16.30 horas.


AVISO!!! Os abonos de socios/as que non teñan retirada a súa entrada ese día, as 17.15 horas poderán liberarse.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores