Noticias
25 de abril de 2019
Penúltima final para o Campión
O Pescados Rubén Burela FS xa é campión, xa é equipo de Primeira LNFS, pero a súa meta non cambia. Os pupilos de Juanma Marrube despedirán mañá (Esperanza Lag, 21.00 horas) os seus compromisos a domicilio na penúltima final de liga; será na pista do Axa Hita Port Elche, que recibirá os galegos escapando da zona de perigo, na 13ª praza, con 29 puntos.

“O noso obxectivo segue sendo o mesmo, é gañar cada partido; levamos desde o 1 de agosto traballando dunha forma, foinos moi ben e agora non imos cambiar”, advertía Luisma, incidendo na motivación do rival, pero tamén na súa ansiedade: “Eles teñen a necesidade dos puntos e contra iso temos que loitar. Temos que igualar a súa motivación e intentar aproveitarnos tamén da súa ansiedade e presión, para cumprir outros retos bonitos para nós como, por exemplo, pechar a tempada sendo imbatibles a domicilio, algo que sería moi complicado de igualar” explicaba o 6 burelista. O de Logroño prevé outro partido moi igualado, a tónica da tempada: “É un equipo atrevido e descarado, con moitas individualidades. Na primeira volta xa tivemos que aplicarnos ata o final para gañar (4-2)”.

No seu segundo exercicio de laranxa, Luisma conseguiu o ansiado e merecido premio. “É a gran guinda do pastel, para isto viñemos todos a Burela, aínda que como di Juanma, nós estamos máis orgullosos do proceso ca do final. Machado dicía ‘eu xáctome dos meus propósitos non dos meus logros’ e así é. O club viña dun descenso e en dúas tempadas conseguimos transformalo; ese é o verdadeiro logro” explicaba o ala-pivote..

Os mariñáns realizaron a última sesión de semana esta mañá, xa en Elche. O Esperanza Lag fixo un chamamento á afección, con entrada gratuíta, na despedida do porteiro Rafa, una lenda no fútbol sala que se retirará tras 21 anos de dedicación.

Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 2. Joselito, 4. Lucho, 5. Iago Míguez, 6. Luisma, 7. Porto, 10. Matamoros, 11. Juanfran, 12. Renato, 14. Pope, 15. R. Vargas, 23. Imanol CD, 30. Hélder


Betis, favorito

Luisma ten favorito para o play off aínda que o seu corazón está dividido: “Betis 60 puntos), a falta dos partidos de Barcelona e Canarias, está segundo e é o que mellor calendario ten para que quede así. Mengíbar (58 puntos), con Bisontes e Tenerife, tamén podería ter moitas opcións de liderar o play off porque Barcelona será unha pista complicada para Betis. Por equipo creo que o favorito é Betis, pero xa vimos noutras ocasións que pode pasar calquera cousa; hai que ter en conta que tanto a pista de Mengíbar coma a de Manzanares (55 puntos), de goma, son moi complicadas e son equipos moi compactos; ademais Córdoba (44 puntos), se ao final se clasifica, tamén é moi correoso. Teño amigos en Betis e tamén en Mengíbar; tan só lles desexo sorte e que gañe o mellor”, concluía o laranxa.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores