Noticias
11 de maio de 2019
Pescados Rubén resolve ante Ourense (2-0) en menos dun minuto
O Pescados Rubén Burela FS pechou o último derbi galego da liga con 2-0, resolvendo en menos dun minuto ante Ourense Envialia FSF, roldando o ecuador da primeira parte, con goles de Dany e Cami. As Guerreiras Laranxas durmirán líderes de Primeira RFEF Liga Foro 16 Feminismo, con 75 puntos, á espera do desenlace de mañá de Poio Pescamar-Futsi Atlético Navalcarnero (12.30 horas).

Logo duns compases iniciais con máis dominio das ourensás, as burelistas asumiron o peso do encontro; no minuto 6, por partida dobre, Bea Mateos e Peque protagonizaron o primeiro aviso. O Pescados Rubén conseguiu encamiñar o partido en menos dun minuto, con Dany ao segundo pau de Peque, e Cami, nunha incursión de Dany cedida a Bea Mateos; restaban 45 segundos para a medianía do primeiro acto. Baixou entón Ourense a liña de presión para xerar e atopar a rede local. Con catro minutos para o descanso, as laranxas tiveron que facer fronte á acumulación de faltas e así, no 18, Bea Mateos enfundouse na camiseta de porteira xogadora para asfixiar as de Morenín; Idoya e Vane, mantiveron o 2-0 na recta final, con moito sufrimento para as visitantes.

O Ourense volveu ao parqué coas ideas claras, oportunidades e perigo. Antes do 22 xa tiveran dúas contras e Sara Moreno protagonizara outras dúas, a primeira desartellada polo largueiro e outra freada por Jozi. No minuto 27 subiu a quinta falta para as de Julio Delgado e apostaron de novo por Bea Mateos con xogo de cinco. Jenny, primeiro, e Dany, no rexeite, puxeron a proba a Vane. O Ourense, no 30, tamén optou por porteira xogadora, sen poñer en demasiados apertos ás da Mariña. Sara Moreno sacou baixo paus o terceiro laranxa, no 32, nunha gran parede entre Cilene e Peque. As burelistas intentárono ata a extenuación pero o electrónico mantívose no 2-0.


Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Jozi, Dany, Cilene, Cami, Popó, cinco inicial; tamén xogaron Peque, Luci, Lara Balseiro, Bea Mateos, Jenny

Ourense Envialia FSF: Vane, Chiky, Lau Doce, Marta, Sara Moreno, cinco inicial; tamén xogaron Candela, Bea Seijas, María, Idoya, Vera

Goles: 1-0, minuto 9, Dany; 2-0, minuto 10, Cami

Árbitros: Martínez Torres // Ferrero Carballal. Por Burela amarela a Luci (minuto 26). Por Ourense amarela a Sara Moreno (minuto 35), Vane

Incidencias: Partido correspondente á xornada 27 de Primeira RFEF Liga Foro 16 Feminismo disputado en Vista Alegre con preto de 500 persoas. As Guerreiras Laranxas brindaron o recente título de XIII Copa Galicia á afección da Bomboneira, con corredor das subcampioas, as ourensás.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores