Noticias
9 de xullo de 2019
Jozi, fiel á rede laranxa
A meta Joziane de Oliveira, sinónimo da historia e dos éxitos laranxas, continuará defendendo a rede do Pescados Rubén FS en 2019-20. A brasileira, de 37 anos, cumprirá a undécima tempada de mariñá e a cuarta compartindo responsabilidades coa murciana Ana Romero.

Jozi recalou na costa lucense en xaneiro de 2010 para asumir a responsabilidade baixo paus do conxunto burelista no seu debut na máxima categoría, avalada por unha prestixiosa traxectoria no seu país. Dende entón compatibilizou as obrigas en Burela con numerosos chamamentos da Selección Brasileira converténdose nun dos alicerces da solidez defensiva do cadro. En 2018-19, a dupla de Jozi e Ana Romero conseguiu pechar a liga como a menos goleada de Primeira RFEF, con 39 tantos encaixados en 30 xornadas.

A renovación de Jozi convértese na sétima peza, reafirmado a fortaleza das campioas da I Copa de SM A Raíña, con Bea Mateos, coa que comparte a capitanía, Peque, Dany, Cilene, Luci e Ana Romero, ademais da chegada de Ale de Paz, dende o Poio Pescamar FSF.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores