Noticias
25 de agosto de 2019
O Parrulo, o máis acertado do Burela Bonita
O Parrulo FS alzouse como o máis acertado da cuarta edición do Torneo Burela Bonita, sumando o seu segundo triunfo, fronte ao Pescados Rubén Burela FS (3-4), tras o de onte ante Palma Futsal (3-2). A fortuna non acompañou esta tarde aos pupilos de Juanma Marrube, malia que souberon reaccionar á iniciativa visitante no marcador e dispuxeron dunha vantaxe de ata 3-1; dous dobres penaltis e un balón longo de Illi, nos últimos oito minutos, deron a vitoria aos ferroláns.


Mata, Álex Diz e Everton avisaron a Chemi nos compases iniciais, sen éxito para as filas locais. Isma protagonizou a primeira dos parrulos desfacéndose polo camiño dos burelistas ata estrelarse contra Edu. O xogo e as ocasións eran laranxas. Pope volveu intentalo con moito perigo antes do ecuador, ante un pé moi oportuno do meta ferrolán, e Amoedo non puido cazar o rexeitamento. Os de Héctor Souto obtiveron unha recompensa excesiva no minuto 10 a balón parado, nun canonazo de Hélder. Con todo, R. Vargas, no 13, subiu o máis que merecido empate, de costas, tras unha gran xogada de Matamoros. Álex Diz e Everton aliáronse para asediar a rede visitante, sen fortuna no control final. Chemi volveu desartellar as intencións mariñás, ante Amoedo, no 18, pero nada puido facer pouco despois ante o sempre máxico Mata, en dobre penalti.

O 10 burelista subiu o 3-1 no 26, desde o bordo da área nun balón que tocou en Diego Núñez. Superada a medianía do segundo acto, Saura recortou distancias en dobre penalti sobre M. Kaluza. O internacional polaco evitou a igualada nas zapatillas de Isma, pouco despois. Con sete minutos por diante, Matamoros se enfundou na camiseta de porteiro xogador ante un rival pouco participativo. Os de Héctor Souto atoparon o empate, de novo con Saura en dobre penalti, no 37, e conseguiron adiantarse no 39, por mediación de Rahali nunha balón longo de Illi.

Xuvenís

O duelo galego xuvenil abriu a tarde con táboas, 3-3. Palma Futsal levou os anteriores encontros, con vitorias 0-5 e 4-0 ante os burelistas e ferrolanos respectivamente.


Ficha técnica


Pescados Rubén Burela FS: Edu, Lucho, Iago Míguez, Luisma, Renato, cinco inicial; tamén xogaron Matamoros, Álex Diz, Everton, Joselito, Pope, Juanfran, Amoedo, R. Vargas, M. Kaluza

O Parrulo FS: Chemi, Saura, Rahali, Hélder, Raúl, cinco inicial; tamén xogaron Diego Núñez, Miguel, Isma, Caeiro, Kevin, Illi

Goles: 0-1, minuto 10, Hélder; 1-1, minuto 13, R. Vargas; 2-1, minuto 19, Matamoros (d.p.); 3-1, minuto 26, Matamoros; 3-2, minuto 32, Saura (d.p.); 3-3, minuto 37, Saura (d.p.); 3-4, minuto 39, Rahali

Árbitros: Feliz Otero // Vilas López. Por Burela amarela para Lucho. Polo Parrulo a Raúl, Isma

Incidencias: Terceira e última xornada do Torneo Burela Bonita 2019. Os capitáns, Edu polos laranxas e Miguel polos parrulos, recibiron un detalle da ANPA Ceip Vista Alegre, doado polo zoqueiro Alberto Geada, como agradecemento pola iniciativa da xornada solidaria de Vista Alegre, en favor da Asociación Española contra o Cancro e a Asociación Esperanza de Burela.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores