Noticias
11 de outubro de 2019
A visita do Leganés pecha a fin de semana laranxa
A visita do Leganés Masdeporte pecha unha fin de semana laranxa en Vista Alegre, con dobre cita de Primeira, LNFS e RFEF. As pupilas de Julio Delgado e Lucas, con traxectoria intachable, recibirán o sexto clasificado nesta quinta xornada, mañá, ás 18.30 horas.

Para Pescados Rubén Burela FS este será o segundo compromiso da semana logo da vitoria do mércores en fase de grupos de XIV Copa Galicia ante un rival de Segunda División, Valdetires Ferrol FSF (9-1). A última incorporación mariñá, Jane, súmase á autoesixencia do equipo querendo máis e máis, malia os bos resultados. “Sabemos que non estamos no noso mellor xogo; temos que evolucionar ao longo da tempada; para iso estamos traballando cada día”, explicaba a brasileira, esperando “un bo partido de liga” ante as madrileñas, que chegan con 7 puntos; tras a derrota inauguaral ante Ourense Envialia (4-1), computan 2 vitorias (6-1 Xaloc Alacant e Roldán 1-3) e 1 empate (Zaragoza 2-2).

A 11 burelista, que se estreou oficialmente en Supercopa con protagonismo goleador, rubricou a súa primeira diana en liga a semana pasada no derbi con Cidade das Burgas (1-5) abrindo o luminoso: “Estou moi contenta. Sei que aínda me queda por mellorar, espero seguir axudando ao equipo non só con goles, senón en xogo” confesaba Jane, moi satisfeita na súa adaptación ao Pescados Rubén e ao fútbol sala español, ao longo destes dous meses.

Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Jozi, 3. Dany, 6. Cilene, 7. Peque, 9. Jenny, 10. Lara Balseiro, 11. Jane, 12. Ana Romero, 14. Bea Mateos, 17. Ale de Paz, 19. Luci, 21. Jenny Lores

Convocatoria Leganés Masdeporte: 1. Sandra, 5. Elisa, 6. Chuli, 7.Patri, 8. Saki, 12. Werner, 14. Lucía, 15. Rocío, 16. Andrea, 17. Elena

Sumámonos ao Rosa, Contigo Damos a Cara

Vista Alegre e a Familia Laranxa volverán sumarse ao Rosa para Dar a Cara contra o Cancro, ademais desta tarde, coincidindo co encontro de Primeira LNFS fronte ao Viña Albali Valdepeñas (21.00 horas).

Coa proximidade do Día Internacional da Loita contra o Cancro de Mama -o 19 de outubro-, a Bomboneira e a Asociación Española contra o Cancro darán a coñecer o labor do servizo da Mariña do colectivo, que xunto á atención psicolóxica, con Andrea Casais, desde o verán tamén conta a traballadora social Estefanía Corcoba.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores