Noticias
31 de outubro de 2019
Volve a Liga con partidazo ante Peñíscola (venres, 20.30 horas)
Tras o descanso da semana pasada, volve a liga de Primeira Masculina este venres con partidazo en Vista Alegre (20.30 horas). Servigroup Peñíscola visitará os pupilos de Juanma Marrube, que buscarán a primeira vitoria na elite co apoio da Bancada Laranxa.

“Queremos dalo todo. Sabemos que teremos un duro reto por diante, somos conscientes de que vai ser outro partido complicado; estamos traballando para estar concentrados os corenta minutos e non cometer erros que nos penalicen en exceso”, explicaba unha de nosas Xoias Laranxas, Renato, contando xa as horas para saltar ao parqué para o inicio da xornada 7.

Peñíscola chegará esta noite a terras mariñás para defender a súa novena praza e facer desaparecer as súas lagoas como visitante; dos seus 8 puntos só conseguiron 1 a domicilio. A semana pasada impúxose a Córdoba Patrimonio por un claro 5-0. “É un equipo moi compacto e intenso, combina experiencia e mocidade coma nós e ten moi claro o seu concepto de xogo” advertía Renato, confesando que este será un encontro con certo toque especial ao reencontrarse con Juanlu Alonso, adestrador co se estreou fronte a FC Barcelona aínda como xuvenil e defendendo as cores da casa: “Con el tiven a oportunidade de debutar en Primeira División; estou moi agradecido por iso, e tamén puiden compartir vestiario con Isi e Hugo; teño moi bos recordos de eles” puntualizaba así o 12 laranxa facendo referencia a outros dous compañeiros con pasado burelista.

“Estamos traballando moi duro; creo que non tivemos a recompensa merecida ata o momento. Espero que chegue este venres para poder seguir sumando, crendo en nós e medrando neste novo reto”, concluía o ala.

Salvo Iago Míguez, Juanma Marrube poderá contar con todos os seus efectivos. Pitero e Amoedo xa están adestrando co grupo, con adaptación paulatina.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores