Noticias
8 de novembro de 2019
Derbi de altura
O Pescados Rubén Burela FS vivirá mañá un máis que emocionante derbi galego nos Remedios para poñerse a proba fronte a outro dos imparables de Primeira, o Ourense Envialia FSF. Ambas as escuadras saltarán á pista ás 17.00 horas con pleno de vitorias, empatadas a 24 puntos, e facendo valer a súa fortaleza en defensa, como as dúas porterías menos batidas da elite. A cita da xornada 9 poderá seguirse en directo a través da web de CRTVG. LIGAZÓN

Será un duelo de máis de tres puntos, no triplo empate no cumio tamén con Futsi, que esta fin de semana recibirá o pechacancelas, o Xaloc Alacant, coa cuadrícula aínda a cero. “Ambos, tanto o Envialia coma nós, comezamos moi ben a tempada. Creo que é o derbi máis igualado dos últimos anos, sen dúbida. Contamos con ese ambiente especial, ademais do plus de motivación que sempre rodea este tipo de partidos; a todo isto súmanse as ganas por seguir sendo imbatibles e o cara a cara de equipos menos goleados” advertía a viveirense Lara Balseiro, facendo referencia aos 5 goles encaixados das laranxas e os 8 das ourensás nesta oito xornadas. “Creo que será un partido moi axustado, de pouco goles” puntualizaba a 10 burelista.

O de mañá será o primeiro dos dous partidos nos que Julio Delgado non poderá estar no banco, pola sanción recibida tras a vermella en Zaragoza. Na expedición, coa volta xa das internacionais ao adestramento desta mañá, viaxarán todos os efectivos, coa única dúbida de participación de Cilene, por molestias nun nocello.

Peque, Jenny Lores, Ana Romero e Ale de Paz regresaron de Eslovenia con claros triunfos coa Vermella, con 11-0 e 0-7, e dobretes na primeira cita tanto da 7 burelista como da nedense. A lusa Jenny tamén triunfou nos amigables fronte a Italia en Oliveira de Azeméis, os dous por 4-0. “É un premio para todo o equipo que a RFEF se fixe en nós, con representación de catro compañeiras, ademais de Jenny con Portugal. Todas estamos moi contentas por elas”, recoñecía así Lara, confesándose tamén moi contenta co seu traballo en Burela: “Eu estou achegando todo o que podo e espero seguir así, axudando o equipo”.

Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Jozi, 3. Dany, 6. Cilene, 7. Peque, 9. Jenny, 10. Lara Balseiro, 11. Jane, 12. Ana Romero, 14. Bea Mateos, 17. Ale de Paz, 19. Luci, 21. Jenny Lores
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores