Noticias
15 de novembro de 2019
Alcorcón chega á Bomboneira defendendo a cuarta praza
O Pescados Rubén Burela FS disputará a xornada 10 mañá, coa visita á Bomboneira doutro candidato á zona alta. O AD Alcorcón FSF recalará mañá no parqué laranxa (18.30 horas) defendendo a cuarta praza e con ganas de recuperar a vitoria para seguir na loita dos de arriba fronte ao percorrido impoluto das Guerreiras.

O Alcorcón chega con 21 puntos -con vantaxe de 2 sobre Penya- e só 2 derrotas ás súas costas, na casa do Poio Pescamar (8-2) na xornada 2 e como local fronte a Zaragoza (3-4) a semana pasada. “Vai ser unha cita moi complicada. Alcorcón vén dunha derrota e quere recuperar a súa boa traxectoria para non descolgarse dos de arriba. Irene Samper e Vane Sotelo son as súas grandes referencias, quen nos poden poñer en dificultades, pero nós pelexaremos por impoñer o noso xogo, temos un equipo moi completo, cos nosos valores e estratexia, e iso debe mandar”, explicaba a lusa Jenny, autora do 1-3 definitivo a semana pasada no gran derbi irmandiño ante Ourense Envialia.

Precisamente dese resultado falou a ala, que abriu a fenda no cume, transformando o tridente impoluto nunha parella, con Futsi e Pescados Rubén: “A vitoria deunos un plus máis de motivación, non perdera puntos e con ese triunfo conseguimos distanciarnos” explicaba a 9 laranxa, pensando soamente en traballo para manter a dinámica e regularidade mariñás: “A nosa mente debe estar no partido a partido, vai ser unha final ata maio, malia que o título se decidirá nos play offs; temos que manter esta regularidade para chegar da mellor forma a esta novidade da competición. Non hai que conformarse. Temos que ter a mentalidade de traballo para que as cousas saian ben e seguir axudando ao equipo” así confesaba Jenny o seu autoesixencia e ilusión por compatibilizar o seus compromisos laranxas cos chamamentos de Portugal:

“Coa Selección estiven cómoda, os partidos ante Italia saíron moi ben e regresei con boas sensacións; espero que volver ter a oportunidade na convocatoria de decembro” manifestaba Jenny tras a súa experiencia a semana pasada en Oliveira de Azeméis.

Este será o segundo e último partido de suspensión para Julio Delgado. Polas “alfareras”, Stella Cantero tamén está sancionada.

Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Jozi, 3. Dany, 6. Cilene, 7. Peque, 9. Jenny, 10. Lara Balseiro, 11. Jane, 12. Ana Romero, 14. Bea Mateos, 17. Ale de Paz, 19. Luci, 21. Jenny Lores
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores