Noticias
28 de novembro de 2019
Vista Alegre, de novo a facerse forte ante Jaén
O Pescados Rubén Burela FS recibe mañá, na xornada 11 de Primeira Masculina, a un duro rival da zona media-alta, Jaén Paraíso Interior, para seguir traballando a fortaleza de Vista Alegre. A cita arrincará ás 21.00 horas.

Os de Juanma Marrube esperan ao conxunto dos antigos laranxas Dani Rodríguez, Dani Martín e Chano, co propósito de dar continuidade ás dúas últimas xornadas no mausoleo mariñán: “Ata agora só puntuamos na casa. Da fortaleza, sobre todo na casa, depende o obxectivo marcado, a permanencia na categoría. Salvo con Valdepeñas, competimos ben en todos os partidos e mañá volveremos pelexar por sumar e conseguir os tres puntos” advertía o 6 burelista, Luisma, fronte a outro gran reto: “Sabemos que Jaén que é un rival forte, sólido, con moita experiencia e que concede moi poucas ocasións. Jaén fai moito dano con xogo con pivote, con tres ou catro referencias claras nesta posición; ten gran calidade individual e acerto en definición. Vai ser moi difícil, esa é a tónica da liga, e sabemos que aquí nos temos que facer máis fortes” reflexionaba o ala-pivote logroñés dun rival que se plantará na pista de Vista Alegre na sexta praza, nunha boa etapa, encadeando tres triunfos (5-3 con Aspil, 1-2 Palma e 4-1 Córdoba).

Luisma incide no bo traballo e na evolución paulatina do Pescados Rubén, apelando ao cambio de dinámica para empezar a medrar na clasificación. “A semana pasada non fomos inferiores ao Parrulo, pero ao final os nosos desacertos en ambas as áreas penalizáronos demasiado, outra vez. Niso temos que seguir traballando e mellorando para conseguir unha nova vitoria que nos permitiría achegarnos un pouco máis aos nosos rivais máis inmediatos”.

“Estamos confiados; no último mes e medio experimentamos unha evolución clara con respecto a principios de tempada. En Vista Alegre damos mellor a cara. A xente estanos axudando e pedimos que siga sendo así para poder avanzar xuntos” concluía o 6 laranxa.

O último adestramento está previsto para mañá ás 11.15 horas en Vista Alegre.

Convocatoria provisional Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 2. Joselito, 4. Lucho, 6. Luisma, 7. R. Vargas, 9. Pitero, 10. Matamoros, 11. Juanfran; 12. Renato, 14. Pope, 20. Everton, 22. Álex Diz, 24. M. Kaluza

Convocatoria Jaén Paraíso Interior FS: 2. Mauricio, 5. Chano, 8. Campoy, 9. Víctor Montes, 10. Carlitos, 14. Alan Brandi, 16. Fabio, 19. Maico, 20. Fran Peña, 21. Míchel, 22. Gozi, 23. Piqueras


Kaluza, fronte a Serbia

O meta M. Kaluza poñerá novamente rumbo a Polonia
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores