Noticias
29 de novembro de 2019
Preparad@s para o espectáculo do Clásico
Vista Alegre e A Mariña volverán vibrar co grande espectáculo. Xa está todo preparado para o Clásico fronte a Futsi Atlético Navalcarnero, mañá ás 18.30 horas, na 12ª xornada de Primeira. A cita poderá seguirse en directo a través da web de CRTVG.

“É un partido que nos apaixona, estamos preparadas para un encontro moi disputado de grandes equipos, coas mellores xogadoras, que se coñecen moi ben”, advertía a 6 laranxa, Cilene, cos ollos brillantes aínda ao lembrar a última gran xesta vivida en Burela fronte ás madrileñas, anotando o penalti do título na finalísima de I Copa de SM A Raíña o pasado mes de xuño.

Que máis se podería pedir? O Futsi recalará na Bomboneira liderando a táboa con 33 puntos e con percorrido inmaculado, como máximo goleador. As Guerreiras defenden a segunda praza, con 31 puntos, sen ceder nin un ápice ata a xornada 10, co empate ante Alcorcón (2-2), e como equipo menos goleado: “Chegamos moi ben, con boas sensacións en liga e coa confianza que nos deu poder gañar en Copa da Raíña e Supercopa. Será un choque de titáns; o Futsi tamén chega nun moi bo momento e moito máis preparado que en Supercopa”, puntualizaba a brasileira botando a vista atrás tamén á vitoria galega de setembro nas Rozas (2-6).

A presión de ser un enfrontamento decisivo desaparece co novo formato de play off polo título, pero non a emoción. Ambas as escuadras sentiranse máis libres para xogar, gozar e deleitar a bancada: “É un plus máis, e moi importante, para continuar competindo ao máximo nivel na liga. A emoción non se perde”, explicaba a peche.

Este será o último enfrontamento para Cilene antes de emprender un novo periplo coa Selección Brasileira, entre o 4 e o 20 de decembro, con destino a Copa América: “Para min foi unha sorpresa total; era algo que non esperaba logo da última convocatoria, hai catro anos. Estou feliz e ilusionada por volver representar o meu país”.

Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Jozi, 3. Dany, 6. Cilene, 7. Peque, 9. Jenny, 10. Lara Balseiro, 11. Jane, 12. Ana Romero, 14. Bea Mateos, 17. Ale de Paz, 19. Luci, 21. Jenny Lores

Apertura de taquilla, Día do Club. As persoas que non adquiran a súa entrada en venda anticipada, poderán facelo mañá en Vista Alegre a partir das 17.30 horas.

Soci@s
Adult@s: 3 euros
Menores de idade (6-17 anos): 1 euro

Non soci@s
Adult@s: 12 euros
Menores de idade (6-17 anos): 5 euros

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores