Noticias
29 de novembro de 2019
O Pescados Rubén planta cara a Jaén (2-2)
O Pescados Rubén Burela FS demostrou unha vez máis que non se rende e que merece seguir medrando na elite. Os pupilos de Juanma Marrube plantaron cara a todo un Jaén Paraíso Interior (2-2), dominando en xogo, xerando ocasións e freando a ofensiva visitante, que só puido ver a rede de Edu en dobre penalti.

Saíron en avalancha os do Mariskal. Antes do minuto 3, R. Vargas e Luisma, por partida dobre, xa puxeron a proba a Fabio e foi finalmente Renato o encargado de adiantar os laranxas, nun roubo en cancha local. Medrou en ocasións o Pescados Rubén, con Mata en pase longo, no 5, e Álex Diz e Renato, no 8, pero volveuse atar co lastre das cinco faltas, cumpríndose a medianía da primeira parte. Aí foi cando aproveitou Jaén, que só puido perforar a meta local en dobre penalti, no 11, con Carlitos. O naronés freou o excesivo premio no seguinte minuto ante o 10 andaluz, pero non puido facer nada no 17, con outro castigo desde os dez metros. Foron valentes os mariñáns buscando a portería rival fronte a un gran Fabio, que mantivo a renda dos de Dani Rodríguez con aparicións providenciais ante Vargas e Joselito, ademais do asedio incesante de Mata nos últimos segundos.

R. Vargas e Míchel foron os primeiros en tentear as metas, antes do 22, aínda que a enteireza seguiuna demostrando o conxunto galego. Reviviu a Bomboneira coa maxia de Matamoros no 34, que cazou o rexeite xienense ante tentativa de Joselito. O 10 burelista volveu facer vibrar á Bancada Laranxa con dúas grandes aparicións no 35, de cabeza, e o 36, nun disparo que se foi alto. Vargas e Pope tiveron no terceiro nos seguintes compases. Edu tamén freou a Mauricio para manter o empate, sen demasiados problemas. Fabio volveu aparecer fronte a Álex Diz. Con 43 segundos apostou Jaén por xogo de cinco, a por os tres puntos, e houbo de todo. Os visitantes dispuxeron da máis clara de toda a segunda parte e Joselito oíu a bucina final in extremis coa última ocasión do partido.


Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Luisma, R. Vargas, Renato, Pope, cinco inicial; tamén xogaron Lucho, Matamoros, Álex Diz, Joselito, Pitero, Everton

Jaén Paraíso Interior FS: Fabio, Mauricio, Alan Brandi, Míchel, Piqueras, cinco inicial; tamén xogaron Fran Pena, Víctor Montes, Carlitos, Chano, Campoy, Maico

Goles: 1-0, minuto 3, Renato; 1-1, minuto 11, Carlitos (d.p.); 1-2, minuto 17, Carlitos (d.p.); 2-2, minuto 34, Matamoros

Árbitros: Blas Alonso // Romero Candela. Por Burela, amarela a Edu (minuto 4), Renato (minuto 10), Everton (minuto 10), R. Vargas (minuto 37). Por Jaén amarela a Alan Brandi (minuto 10).

Incidencias: Partido correspondente á xornada 11 de Primeira División disputado en Vista Alegre ante unhas 900 persoas
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores