Noticias
13 de decembro de 2019
2019 despídese na casa, na penúltima cita antes do ecuador
O Pescdos Rubén Burela FS despedirá 2019 na casa mañá, na penúltima xornada da primeira volta e do ano na elite feminina. Será coa visita do UCAM ElPozo Murcia, oitavo clasificado, ás 18.30 horas.

“Para nós é un novo reto en liga, afrontámolo coa actitude de sempre para levar os tres puntos”, explicaba Ana Romero, exhausta e ilusionada nunha semana de moito traballo con Copa da Raíña, liga e os compromisos de España con Xapón, en tan só seis días. A porteira regresou ao traballo co Pescados Rubén Burela FS onte, xunto ás outras tres internacionais, Peque, Jenny Lores e Luci, logo de defender á Vermella o mércores no mausoleo laranxa, en Vista Alegre: “Foi moi emocionante. Coma sempre a afección estivo soberbia, apoiando en todo momento”.

Agora toca pensar outra vez na liga, na defensa da segunda praza (34 puntos), á espreita do Futsi (39). “Para calquera equipo xogar en Vista Alegre é unha motivación extra. Medirémonos a un rival novo, pero con moitas ganas para intentar sacar algo aquí”, advertía a meta murciana dun equipo que recuperou a semana pasada o triunfo, ante Zaragoza (4-1), despois de que Roldán frease a súa boa senda de resultados (6-5).

Ademais das catro internacionais con España, Jenny tamén regresou onte dos seus compromisos con Portugal, con dúas vitorias ante Rusia, na Albufeira. Non estarán para finalizar a primeira volta nin Cilene, inmersa na Copa América co Brasil, nin Jane, que viaxou esta semana ao seu país, por temas burocráticos.

“Foi unha semana diferente. Pero tivemos un par de sesións todas xuntas para poder traballar sobre os últimos detalles e estar ben para mañá. Teremos ausencias, pero tamén a boa noticia de que regresa á convocatoria Cristina, será unha motivación para ela e para nós”, explicaba a 12 burelista, contaxiando a alegría de volver contar nas filas mariñanas coa pivote tamén murciana, tras o seu paso polo quirófano na tempada pasada por unha lesión de xeonllo.


Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Jozi, 3. Dany, 5. Cristina, 7. Peque, 9. Jenny, 10. Lara Balseiro, 12. Ana Romero, 14. Bea Mateos, 17. Ale de Paz, 19. Luci, 21. Jenny Lores
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores