Noticias
16 de decembro de 2019
Duelo de noveis en Córdoba
O Pescados Rubén Burela FS continúa coa intensa recta final de 2019. Logo de Copa do Rei e liga, afrontará mañá o terceiro partido en menos de sete días. Será coa penúltima xornada de Primeira antes do ecuador e un esgotador desprazamento, con duelo de noveis na elite, fronte a Córdoba Patrimonio (21.00 horas) no Vista Alegre andaluz.

Tan só 2 puntos separan a duodécima praza cordobesa do peche da táboa mariñán, dous conxuntos que chegan ao final da primeira volta buscando saír da zona de perigo. “Somos dous equipos moi necesitados. Córdoba é un equipo da nosa liga; é un rival moi intenso, que na súa casa medra moito máis. Esperamos un partido moi complicado e brusco pola súa banda, aínda que se mantemos a nosa liña de traballo poderemos regresar cos tres puntos” advertía o gaditano Joselito, destacando a evolución dos laranxas nas últimas semanas, ademais da madurez e capacidade de reacción da última xornada, fronte á entidade de Palma (2-4) malia os últimos cinco minutos, e logo de encadear o empate fronte a Jaén (2-2), o triunfo ante Aspil Jumpers (5-6) e de superar dezaseisavos de Copa do Rei.

Para os burelistas é un partido de máis de tres puntos; pero para o Córdoba non é menos importante. Os de Maca quererán romper coa dinámica de 7 partidos sen coñecer a vitoria, 6 de liga e 1 de Copa do Rei, e despois do contundente resultado en contra fronte a Jimbee Cartagena (6-1), precisamente o rival co que Pescados Rubén Burela FS se medirá o sábado, no mausoleo laranxa (18.30 horas). Ante eles, os de Juanma Marrube terán o complicado reto de bater unha pista na que só conseguiron o triunfo Movistar, Barcelona e ElPozo.

O conxunto mariñán realizará a última sesión antes do partido, esta noite, xa en Córdoba (21.00 horas).

Convocatoria provisional Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 2. Joselito, 4. Lucho, 6. Luisma, 7. R. Vargas, 9. Pitero, 10. Matamoros, 11. Juanfran, 12. Renato, 14. Pope, 20. Everton, 22. Álex Diz, 24. M. Kaluza
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores