Noticias
20 de decembro de 2019
Suspendido o Pescados Rubén-Cartagena polo temporal
Información. Sábado21: O partido previsto para esta tarde en Vista Alegre suspéndese polo peche das instalacións municipais debido á alerta por temporal que atravesa Galicia Nos vindeiros días marcarase a data para disputar o aprazamento.
O Pescados Rubén Burela FS chega mañá ao ecuador e despide 2019, con outra final en Vista Alegre na visita do Jimbee Cartagena FS (18.30 horas), que recalará na Mariña na décima praza (15 puntos) e logo de perder a oportunidade de meterse en Copa na última xornada.

“Foron dúas semanas de moito traballo con Copa do Rei e liga entre semana, pero chegamos ao sábado co único obxectivo de despedir o ano e a primeira volta cunha vitoria ante a nosa afección que nos poida sacar dos postos de abaixo”, así reflexionaba o murciano Juanfran sobre o sprint final deste mes, desexando clausurar o ano ao grande fronte ao Cartagena, que pechou os compromisos da xornada 14 vendo desaparecer as súas opcións de quedar entre os oito primeiros: “Foi sorprendente ese resultado, 2-4 con Peñíscola. Cun triunfo, o Cartagena seguiría moi vivo na última xornada para clasificarse para Copa e para Peñíscola era a súa primeira vitoria a domicilio. Vai chegar con moitas ganas de querer facelo ben; apostaron por un proxecto moi esixente”.

O Pescados Rubén está a tan só 1 punto de saír da zona de perigo; con 10 puntos, os seus rivais directos son Sala Zaragoza, que se mide a ElPozo (sexto), Aspil, con Levante (oitavo), e Santa Coloma, fronte a Córdoba (duodécimo). “Viñamos dunha boa dinámica. En Córdoba (5-1) o nivel foi o mellor e queremos recuperar as boas sensacións canto antes e a solidez na casa, puntuando ante un gran rival”, advertía o 11 laranxa.


Desexos para 2020. “O obxectivo é a permanencia e por iso imos loitar ata a última xornada. Pechamos un gran ano, co ascenso a Primeira, é o gran recordo de 2019. Logo dun par de xornadas e acabados de aterrar na elite, conseguimos ir asentándonos aos poucos e agora só toca seguir traballando por esa gran meta, para seguir estando entre os mellores” confesaba así Juanfran o gran desexo dos pupilos de Juanma Marrube.

Convocatoria provisional Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 2. Joselito, 4. Lucho, 6. Luisma, 7. R. Vargas, 9. Pitero, 10. Matamoros, 11. Juanfran, 12. Renato, 14. Pope, 20. Everton, 22. Álex Diz, 24. M. Kaluza

Lotería de Nadal. Os que aínda non o teñen poderán adquirir o número da Sorte Laranxa para este Nadal, o 84749, o sábado, en Vista Alegre, na xornada 15.

Adianto de Papá Noel. Entre os soci@s que acudan ao partido tamén haberá agasallo adiantado de Papá Noel, con 2 entradas dobres para poder gozar do espectáculo Virsky da Compañía Nacional de Danza de Ucraína, que acollerá o pavillón Vista Alegre o día 25.

Trofeo do Nadal Mariñán. Os dous equipos Biberón do Pescados Rubén Burela disputarán, como antesala da cita de Primeira, o Trofeo do Nadal Mariñán, baixo a organización da Fundación Imdecum. Serán cinco equipos os que salten ao parqué de Vista Alegre desde as 14.20, con AD Río Ouro do Valadouro, AD Santiago de Foz e Ribadeo FS.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores