Noticias
10 de xaneiro de 2020
Emoción irmandiña no regreso da liga
O Pescados Rubén Burela FS volve á liga, co inicio da segunda volta e emoción irmandiña, na pista do Poio Pescamar mañá. A cita poderá seguirse en directo por TVG2 a partir das 20.00 horas.

“Hai que afrontar esta segunda volta como a primeira, a ver se somos capaces de mellorala. Estamos pendentes do próximo partido, non pensamos en nada máis; fomos paso a paso ata o momento na liga e con moitas ilusións depositadas tamén en Copa da Raíña, así que o horizonte que se presenta neste 2020 é o mellor. Esperamos recoller os froitos en maio” confesaba o técnico, Julio Delgado, na estrea da competición regular en 2020.

Defendendo a segunda praza (40 puntos), as laranxas visitarán ao cuarto da táboa (32 puntos). “Xa o diciamos a comezos de tempada. É un equipo que se reforzou moito, custoulle un pouco encaixar todas as pezas ao principio, algo lóxico. Con todo, logo da primeira volta aí está, na zona alta da clasificación, pelexando por meterse en play off de liga e vén de eliminar ao Ourense Envialia da Copa, en oitavos” advertía o burelista.

“Imos atopar un equipo duro, que cada vez está máis feito, cun gran traballo detrás. Sabemos que nos vai poñer as cousas moi difíciles na súa pista” adianta Julio Delgado dun rival que sucumbiu en Vista Alegre, no debut da liga, por 4-1, e que nesta ocasión chega cunha boa dinámica de resultados e con todos os seus efectivos dispoñibles, a excepción da lesionada Antía.

“Levamos unha gran semana de traballo. As xogadoras viñeron moi ben de vacacións, coidáronse en Nadal. Temos moitas ganas de volver á liga, nun formato que promete moito esta tempada”, así de ilusionado se amosaba Julio Delgado en vésperas do regreso á Bomboneira.

Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Jozi, 3. Dany, 5. Cristina, 6. Cilene, 7. Peque, 9. Jenny, 10. Lara Balseiro, 12. Ana Romero, 14. Bea Mateos, 17. Ale de Paz, 19. Luci, 21. Jenny Lores

Novo duelo laranxa entre España e Portugal. A localidade lusa de Vila Real acollerá un novo duelo entre España e Portugal e novo duelo laranxa, coa presenza de Peque e Jenny Lores nas filas vermellas e de Jenny Rodrigues no combinado local, con amigables o martes 14 e o mércores 15. As tres xogadoras do Pescados Rubén deberán incorporarse ás súas respectivas concentracións o domingo.

Leganés, en cuartos de Copa da Raíña. As Guerreiras loitarán por dar un paso máis en Copa da Raíña en cuartos, na pista do Leganés Másdeporte. Así se deu a coñecer esta mañá, como primeiro cruzamento, no sorteo realizado na Cidade de Las Rozas pola RFEF. Sala Zaragoza-UA Alicante, AD Alcorcón FSF-Futsi Atlético Navalcarnero e Poio Pescamar-STV Roldán FSF completan a eliminatoria que se disputará entre o 8 e o 9 de febreiro a partido único.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores