Noticias
4 de febreiro de 2020
Pescados Rubén 2-3 Xapón
O Pescados Rubén Burela FS, cunha nutrida participación das Xoias Laranxas, disputou esta tarde un igualado amigable na parada da Selección de Xapón na Mariña, inmersa no seu stage en Galicia preparando o clasificatorio para o Mundial de Lituania. O combinado de Bruno García venceu pola mínima aos de Juanma Marrube, cun resultado de 2-3 que xa se deu no enfrontamento ante O Parrulo.

Minamoto adiantou os xaponeses rozando o ecuador da primeira parte dun potente disparo cruzado. Antes estiveran máis incisivos os de Juanma Marrube con Matamoros e Pope nos compases iniciais e máis tarde, no 5, con Joselito, que non puido bater a Hiyama tras recibir en media pista e superar a defensa visitante. O pau evitou o segundo nipón no 12, a tentativa de Kato en dobre penalti. Non se fixo esperar a igualada laranxa, nas zapatillas de Luisma, tras gañar a partida ante a defensa visitante nas proximidades da rede. Tivo a mellor do partido Pope no 15 para adiantar os galegos, nunha magnífica volea que se estrelou contra o pau. A escuadra mariñá chegou ao descanso apostando por xogo de cinco con Álex Diz, desde o 18.

O xuvenil Bruno foi o encargado de custodiar a portería no inicio do segundo acto. Henmi recuperou a vantaxe para o combinado xaponés no 23, nunha gran xogada individual de Henmi. Con 10’08” por diante viu a expulsión Matamoros, tras a segunda amarela e o 1-3 subiu nas zapatillas do xogador de ElPozo Murcia Shimizu, nun disparo que freou M. Kaluza en primeira tentativa, aínda que se lle escapou despois. Reaccionou o Pescados Rubén cunha galopada de Álex Diz para reducir distancias en tan só 30 segundos. Á activa participación de Quelle e Renato Rodrigues desde o comezo da cita tamén se sumaron na recta final os outros dous pupilos de Fustes e Mario Pilado, Víctor e Gustavo.

Próximo destino, Copa do Rei. Os pupilos de Juanma Marrube terán como próximo destino cuartos de Copa do Rei. Será o mércores 12 na pista do FC Barcelona (15.30 horas). O sábado 15 regresará a competición ligueira, xa en Vista Alegre, con outro partidazo, ante ElPozo Murcia (18.30 horas).


Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Matamoros, Renato, Pixote, Pope, cinco inicial; tamén xogaron Álex Diz, Luisma, Joselito, Quelle, Renato Rodrigues, Bruno, M. Kaluza, Víctor, Gustavo

Selección do Xapón: Hiyama, Murota, Minamoto, Yoshikawa, Hirata, cinco inicial; tamén xogaron Henmi, Kato, Ryohei, Shimizu, Nishitani, Hoshi Shota, Yagi, Hoshi Ryuta, Sekiguchi, Morimura, Tamura

Goles: 0-1, minuto 10, Minamoto; 1-1, minuto 13, Luisma; 1-2, minuto 23, Henmi; 1-3, minuto 31, Shimizu; 2-3, minuto 31, Álex Diz

Árbitros: Carreira Romero // Menéndez Nistal. Por Burela dobre amarela a Matamoros (minuto 12 e 30), amarela Renato, Pixote, Álex Diz. Polo Xapón amarela a Hoshi Shota, Hirata

Incidencias: Partido amigable entre o Pescados Rubén Burela e a Selección do Xapón disputado en Vista Alegre ante unhas 400 persoas
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores