Noticias
28 de febreiro de 2020
Vista Alegre, festa en estado puro, ante o FC Barcelona (sábado 29, 5.00 pm)
Todo está a punto para a festa en estado puro de Vista Alegre, que arrincará mañá ás 5.00 pm ante o todopoderoso FC Barcelona. A Alma Laranxa, con dous triunfos na última semana como pulmón, agarda o segundo clasificado da elite para repetir a xesta que rozou fronte os cataláns en Copa do Rei e co Palau como escenario, hai tan só dúas semanas.

“Estamos moi ben animicamente. Encadeamos dúas vitorias, con liga e Copa Galicia, e iso dános moita moral ante este gran novo reto. Nunca hai un momento ideal para recibir o potencial e calidade do Barcelona, pero chegamos nunha boa situación para plantarlle cara e intentar sacar algún punto o sábado”, advertía Lucho tras o 2-4 ante Peñíscola e 5-3 en semifinais irmandiñas co Parrulo FS.

“Agardamos un grande ambiente fronte a todo un portento como é o Barça, un rival no que brillan as individualidades que non desaproveita nin o mínimo erro do rival. Pelexaremos por crearlle perigo con un xogo directo sobre a portería e frear a súas acometidas”, adiantaba o 4 mariñán, apelando ao seu último cara a cara, no que os pupilos do Mariskal remontaron ata o 3-3, forzaron a prórroga e a fase final tan só escapou nos penaltis. “En Barcelona mantivémonos fieis ao plan de partido, usamos as nosas bazas, tendo en conta a esixencia da semana e pensando tamén no compromiso de liga”, lembraba o peche do Corgo fronte ao máximo goleador da liga, con 101 dianas.

“Estamos tendo moito desgaste pero tamén temos activado o modo competición constantemente; iso tamén é positivo para seguir medrando”, confesaba Lucho.

Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 2. Joselito, 4. Lucho, 6. Luisma, 9. Pitero, 12. Renato, 13. Pixote, 14. Pope, 15. Xande, 16. Eto’o, 22. Álex Diz, 24. M. Kaluza
Convocatoria FC Barcelona: 2 Aicardo, 4 Roger, 5 Boyis, 6 Daniel, 7 Dyego, 8 Adolfo, 12 Juanjo (p), 13 Joselito, 17 Arthur, 21 Dídac (p), 88 Marcenio, 99 Ximbinha
Venda de entradas

A venda anticipada na sede do club (avenida Arcadio Pardiñas, número 97, entreplanta, Burela) pecharase hoxe ás 14.00 horas. A taquilla de Vista Alegre abrirá ás 15.45 horas; a partir das 16.30 horas as entradas de soci@s poderán liberarse.

PREZOS DE SOCI@S
0-5 anos: Gratuíto (recollida de entrada no pavillón)
6-17 anos: 1 euro
Adult@: 5 euros

PREZOS NON SOCI@S
0-5 anos: Gratuíto (recollida de entrada no pavillón)
6-17 anos: 10 euros
Adult@: 20 euros
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores