18/09/2009

O Burela FSF inicia o seu periplo de Honra en terras catalás

O Burela FSF inicia o seu periplo de Honra en terras catalás

O Burela FS Feminino comeza oficialmente a súa andadura na División de Honra mañá, sábado, en terras catalás. Na súa primeira xornada na elite futbolística visitará o FS Construccions Queralt Gironella; o encontro comezará ás 19.30 horas, no pavillón municipal da localidade barcelonesa.


As xogadoras laranxas medirán as súas forzas a un dos habituais da máxima categoría. O FS Gironella milita en Honra dende 2004-05; 2008-09 foi a súa peor tempada, quedando na décimo terceira posición. O cadro burelista encara a súa estrea estelar como recente campión da XIX Copa Galicia, disputada en Ourense (12 e 13 de setembro). Baixo a tutela de Javier Pardeiro e xunto a Ro, Dolo, Marta, Cuchi, Irene e Claudia, heroínas laranxas que conseguiron o ascenso no seu primeiro ano de Prata, súmanse os reforzos de Raquel de Souza, procedente do Navalcarnero, Lucía Nespereira, do Ponte Ourense, e Lidia Mesías, do Valdetires Ferrol. A contribución máis nova protagonizarana as viveirenses Lara Balseiro e Carla Cora. 


Souza non poderá saltar á pista de Gironella no debut do Burela FSF; a ala-pivote brasileira ten pendentes tres partidos de suspensión para 2009-10. Claudia, cunha fascite plantar, e Marta, con molestias musculares, serán dúbida no vestiario de Javier Pardeiro para Barcelona.


Xunto ao Burela FSF e ao Gironella, 15 conxuntos participarán na División de Honra Feminina en 2009-10: Atlético de Madrid Navalcarnero, Cajasur Córdoba, Femesala Elche, Kupsa 4 Arcos Logroño, Móstoles FSF, Pinto Cellosa Torrejón, Ponte Ourense, Rioja Diamante, VP Soto del Real, UCAM Murcia, Valladolid FSF e Natudelia.com Zaragoza, que se conservan do exercicio anterior, e Castelldefels FS, Preconte Telde e CD Campillos, ascendidos en 2008-09. A competición contará cun total de 34 xornadas, que se prolongarán ata o 19 de xuño de 2010.


Caras novas. Aos adestramentos do cadro laranxa sumouse estes días a brasileira Silvania Alves de Almeida; a xogadora, con experiencia na liga paulista en clubs como o Suzano Jabaquara, estará a proba co conxunto un par de semanas.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.