17/10/2009

O Burela FS sobe ao podio tras unha intensa vitoria ante o Cáceres 2016 (4-3)

O Burela FS sobe ao podio tras unha intensa vitoria ante o Cáceres 2016 (4-3)

O CD Burela FS accede ao podio do Grupo Norte de Prata coa terceira praza grazas á intensa vitoria da sexta xornada na bomboneira fronte ao Extremadura Cáceres 2016 (4-3), nun encontro, o de hoxe, onde os pupilos de Suso Rey volveron sufrir máis da conta na recta final.


Todo parecía presaxiar que este sería un bo partido para os laranxas. Dende o inicio o Burela FS soubo como mover a pelota; no minuto 5 chegaban as primeiras ocasións claras, rozando o pau, dos que se converterían nos goleadores laranxas da xornada, Dani Martín e Juampe. Non obstante, o bo xogo burelista foi desartellado no minuto 14 por un contraataque que os cacereños culminaron en gol. Chegaba así o 0-1, pero por pouco tempo, porque uns segundos despois era Juampe quen anotaba a igualada. Dani Martín, co 2-1 (minuto 19), levou o seu equipo con vantaxe ao descanso.


O segundo período arrincou con novas ocasións burelistas, que se viron materializadas no minuto 23 cunha xogada a balón parado de Juampe, a través de Javi Rodríguez. Todo ía encamiñado para a celebración na Mariña. O Cáceres 2016, con máis posesión nesta parte, buscou a remontada coa saída do porteiro-xogador (36) e non lle foi moi ben; tras a expulsión de Sergio por obstaculizar a Dani Martín, só ante a portería, os extremeños tiveron que aturar o 4-1 (39), tamén coa sinatura do salmantino. Acto seguido, dous dobres penaltis a favor dos cacereños, lanzados con precisión por Víctor, maquillaron o resultado final nun encontro de claro dominio laranxa.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.