11/01/2010

O Burela FSF revalida o Raíñas Meigas ante o Valladolid (2-1), na súa segunda edición

O Burela FSF revalida o Raíñas Meigas ante o Valladolid (2-1), na súa segunda edición

O Burela FSF Pescados Rubén revalidou o título do Raíñas Meigas onte ante o Valladolid FSF (2-1), na segunda edición do trofeo burelao. O conxunto laranxa recibiu o trofeo de campión do delegado de Deportes da Deputación de Lugo, Antón Veiga. A concelleira de Deportes, Neves Cando, foi a encargada de entregarlles ás valisoletanas a copa de subcampioas.


O duelo entre mariñás e pucelanas rexeuse pola cautela. Ningunha das escuadras quixo amosar todas as súas armas; o cruzamento na liga o 30 de xaneiro, data na que o Valladolid visitará de novo a bomboneira, obrigounas a reservar algún as baixo a manga. No entanto, o Burela FS Feminino exerceu como perfecto anfitrión para brindarlle o triunfo á afección que se congregou en Vista Alegre no día máis xélido da tempada.


No primeiro enfrontamento de 2010 para o conxunto feminino, o gol tivo etiqueta mariñá. Ro inaugurou o marcador cun temperán 1-0 no minuto 3, que igualou o Valladolid faltando cinco minutos para o asubío do descanso. Marta volveu avantaxar o equipo laranxa a piques de rematar o primeiro período.


Co reinicio saltou á pista a última incorporación laranxa, a gardameta internacional brasileira Jozi, que freou todas as tentativas valisoletanas pola igualada. A meta rival tamén se resistiu ao empeño burelista, que incluso optou pola saída de Dolo como porteira-xogadora no tramo final do encontro.


Ficha técnica


Burela FSF Pescados Rubén: Irene, Lidia, Ro, Souza e Dolo; tamén xogaron Cuchi, Lara, Marta, Lola e Jozi.


Valladolid FSF: Lala, Celia, Bea, Ro e Leti; tamén xogaron Chuwa, Estre, Cris e Laura.


Goles: 1-0, min. 3, Ro; 1-1, min. 15, Laura; 2-1, min. 19, Marta


Tarxetas amarelas: Souza

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.