23/01/2010

O Burela recupera a senda do triunfo ante un Lanzarote que puido saír goleado de Vista Alegre

O Burela recupera a senda do triunfo ante un Lanzarote que puido saír goleado de Vista Alegre

Primeira vitoria do Burela FS no novo ano que pon fin á súa serie negativa, dúas derrotas consecutivas, e que lle permite distanciar ao seu inmediato perseguidor e rival na noite de onte, o Lanzarote Tías Yaiza. Os burelenses venceron por 5-2 ao cadro canario que puido levar unha goleada maior, nun choque marcado pola superioridade laranxa e a falta de rigor táctico.


Desde o asubío inicial, os pupilos de Suso Rey buscaron levar a iniciativa e o control do choque ante un Lanzarote que soportou ben os primeiros envites laranxas ata que, no minuto 4 de xogo, Dani Martín abriu o marcador tras unha brillante combinación con Javi Rodríguez. A conexión de ambos os xogadores levaba o maior perigo á meta defendida por Manu, que regresou a Vista Alegre e tivo unha notable actuación.


A medida que avanzaba o encontro, o xogo comezou a ser máis aberto e ambas as escuadras gozaron de oportunidades para aumentar ou igualar a contenda. Na recta final do primeiro período, os locais retomaron o dominio e, tras unha secuencia de ocasións, Cristian culminou con astucia unha xogada persoal que supuxo o 2-0, co que se chegou ao intermedio.


Na continuación, as sensacións do primeiro período mantivéronse e a renda laranxa aumentou, 3-0 no minuto 27, tras marcar o Lanzarote en propia meta. Este terceiro tanto supuxo un mazazo para os visitantes, que sufriron unha onda de oportunidades laranxas que selou Juanpe, ao marcar tras un córner, establecendo o 4-0. Anteriormente, Manu xa detivera dous dobres penaltis, a Juanma e Minu, respectivamente. Noutro dobre penalti, Revilla tivo o seu duelo con Manu, que volveu saír vitorioso nesta sorte pero, no minuto 33, Juanma obrigoulle a recoller por quinta vez o balón das mallas tras unha xogada marca da casa. A manita reflectía a superioridade dun Burela que perdeu a concentración e permitiu que os canarios maquillasen o resultado establecendo o 5-2 final.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.