02/02/2010

O Burela sofre para facer historia

O Burela sofre para facer historia

Estará cos grandes na Copa de España tras superar ao Valladolid nun duelo trepidante, que puido sentenciar na segunda parte e que acabou contra as cordas.


 


Hai crónicas que convén empezar polo final, como a que nos ocupa. Só o desenlace e as súas consecuencias permanecerán indelebles na memoria dos centos de afeccionados que foron testemuñas do enfrontamento entre o Burela-Pescados Rubén e o Valladolid.


O desenvolvemento do duelo ben merece varios parágrafos neste artigo, porque houbo case de todo, pero o único que queda para o recordo é a vitoria (2-1) e a consecuente clasificación para a Copa de España do conxunto anfitrión. O Burela axiganta a súa figura no seu primeiro ano na elite.
O tempo relegará ao esquecemento o sufrimento do equipo e a súa inchada nos compases finais, que se fixeron eternos para todos os presentes en Vista Alegre. «Sen o apoio do público non poderiamos soportar o acoso ao que fomos sometidos ao final», destacaba Javier Pardeiro, un dos principais artífices desta fazaña, como mostra de agradecemento á afección, como case sempre excepcional, mentres as súas xogadoras iniciaban os festexos sobre o parqué no medio dun merecido aplauso da bancada.


O Burela afrontou o último minuto do encontro nunha situación que levaba a imaxinar un desenlace cruel. Lucía vía a segunda cartolina amarela por desprazar o balón para retardar un saque de banda e deixaba ao equipo en inferioridade. Restaba 1 minuto e 12 segundos. O Valladolid atacaba con cinco unha defensa de tres, e a 40 segundos da conclusión estrelou o balón no poste. O medo crecía, ía en aumento cada vez que o balón merodeaba a área local, pero o tempo esgotouse sen que o marcador sufrise variacións e co bocinazo final produciuse a explosión de xúbilo.


«Estou moi contento, tremendamente contento, sobre todo polas xogadoras porque viron recompensado o seu esforzo e sufrimento, e ademais coñeceron Vista Alegre en toda a súa plenitude», destacaba Javier Pardeiro antes de cualificar de «histórico» o pase á Copa de España. «Nos últimos cinco anos todos os recentemente ascendidos acabaron baixando», apuntou.


Vaiamos agora cos acontecementos anteriores a ese agónico epílogo. A necesidade de gañar agarrotou ao Burela durante boa parte do primeiro período. Aínda que sen xerar grandes ocasións á marxe da que supuxo o gol de Bea, o Valladolid deu máis sentido ao xogo e transmitiu mellores sensacións ata o tanto do empate de Souza.


Tras o descanso só existiu un equipo. O Burela creceu na presión, gañou en verticalidad e axexou sen descanso a meta ben defendida por Lala. Aos 12 segundos da continuación Souza puña en marcha un carrusel de oportunidades co que o cadro de Pardeiro puido resolver a papeleta e no que só Souza acertou a bater á porteira pucelana. Corría o minuto 26. Pouco despois as locais tampouco foron quen de atopar o gol co inimigo en inferioridade, pola expulsión de Bea, e propiciaron o angustioso final antes relatado.


No palco de autoridades, acompañados de directivos locais, atopábanse Raquel Arias, delegada da Xunta en Lugo, Alfredo Llano, alcalde local, e a edil Neves Cando.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.