08/04/2010

Obxectivo copeiro, bater o mellor palmarés do fútbol sala feminino

Obxectivo copeiro, bater o mellor palmarés do fútbol sala feminino

O Burela FSF Pescados Rubén participará mañá por primeira vez na Copa de España e non será unha tarefa nada doada. A partir das 12.00 horas, no pavillón ourensán dos Remedios, as pupilas de Javier Pardeiro afrontarán o seu debut nos cuartos de final ante o campionísimo Femesala Elche, equipo que ostenta o mellor palmarés do fútbol sala feminino español.


O conxunto de Maravillas Sansano conquistou o título de Liga da División de Honra en sete ocasións e a Copa de España en dúas, ademais de posuír catro Supercopas de España, unha Copa Ibérica e unha Intercontinental; na presente tempada pode presumir de ser o único equipo imbatido da categoría dende a segunda praza ligueira e con posibilidades de arrebatarlle o liderado ao Cajasur Córdoba.


Con todos estes antecedentes, non é de estrañar que un equipo novel e humilde, como o Burela FSF, leve todas as de perder nos prognósticos copeiros, ao que se une o resultado do seu único encontro na liga, que tamén foi para as ilicitanas (4-2). Non obstante, o cadro laranxa, como revelación da liga, tamén pode dar moitas sorpresas na Copa de España, aínda que contará coas dúbidas de Irene, por unha rotura fibrilar, e Souza, cunha lesión de menisco.


Tras unha preparación minuciosa e cunha motivación extraordinaria, mañá as burelás estarán arroupadas pola fiel afección laranxa, que se desprazará ata a cidade auriense nun autobús fletado polo club e en vehículos particulares.  No caso de que as mariñás consigan superar o gran reto de cuartos, enfrontaranse nas semifinais ao gañador de Cajasur Córdoba-Diamante Rioja, o sábado (17.00 horas), cita para a que o club poñerá outro autobús á disposición dos seareiros/as.


 


Venres 9 de abril – CUARTOS DE FINAL


10.00 horas: Cajasur Córdoba-Diamante Rioja
12.00 horas: Femesala Elche-Burela FSF Pescados Rubén
17.00 horas: FSF Móstoles Cospusa-UCAM Murcia
19.00 horas: Ponte Ourense-Atlético de Madrid Navalcarnero


Sábado 10 de abril – SEMIFINAIS


17.00 horas: Vencedor do 1º partido-Vencedor do 2º partido
19.00 horas: Vencedor do 3º partido-Vencedor do 4º partido


Domingo 11 de abril – FINAL


12.00 horas: Vencedor da 1ª semifinal-Vencedor da 2ª semifinal

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.