09/04/2010

O Burela FSF apéase da Copa de España dando o dó de peito ante as ilicitanas

O Burela FSF apéase da Copa de España dando o dó de peito ante as ilicitanas

Entrega, intensidade e presión foron as armas empregadas polo Burela FSF Pescados Rubén no seu paso pola XVI Copa de España en Ourense. Cun alto ritmo de xogo, as pupilas de Javier Pardeiro deron o dó de peito esta mañá, nos cuartos de final, ante o campionísimo Femesala Elche, nun encontro no que a definición inclinou a balanza en favor das ilicitanas (6-2).


As imprecisións e os disparos de media distancia protagonizaron os inicios do partido no pavillón dos Remedios, con máis de medio cento de afeccionados/as laranxas. Paseniño, ambos os conxuntos foron atopando o seu sitio na pista. Comezaron as ocasións burelistas; Cuchi tivo a oportunidade de adiantar o Burela FSF no minuto 8, cun balón solto na área desaproveitado a portería baleira. Non obstante, un minuto despois, foi o Femesala o que inaugurou o electrónico, con igualada temperá de Ro, nun magnífico gol por toda a escuadra dende saque de esquina. A pesar das tentativas mariñás e da palpable emoción da bancada, a perfecta finalización ilicitana volveu facer acto de presenza antes de chegar ao descanso, nas zapatillas de Susana e Ju Delgado.


Co reinicio, o 3-1 non intimidou as xogadoras de Javier Pardeiro, que retomaron a posesión nos tres cuartos de cancha. Unha contra, no minuto 30, proporcionoulles ás levantinas o cuarto gol, pero reapareceu Ro para reducir distancias, á saída dunha falta directa, e reavivar as opcións de remontada.


O xogo de cinco, con Dolo como porteira-xogadora, destapou un ritmo frenético, que soubo aproveitar o experimentado conxunto de Maravillas Sansano, en senllos contraataques de Ju Delgado e Susana.  


  


Ficha técnica


Femesala Elche: Sonia, Sofi, Noelia, Txitxo e Ju Delgado, no quinteto inicial; tamén xogaron Andrea, Susana, Miriam, Vero, Laura e Mónica.


Burela FSF Pescados Rubén: Jozi, Lidia, Lucía, Souza e Dolo, no quinteto inicial; tamén xogaron Claudia, Ro, Cuchi e Marta.


Goles: 1-0, Vero, minuto 9; 1-1, Ro, minuto 9; 2-1, Susana, minuto 12; 3-1, Noelia, minuto 17; 4-1, Ju Delgado, minuto 30; 4-2, Ro, minuto 33; 5-2, Ju Delgado, minuto 37; 6-2, Susana, minuto 39


Árbitros:  Fernández Muñiz e Hevia Campa (colexio de Asturias)


Incidencias: Arredor de 700 espectadores no pavillón dos Remedios. Tarxetas amarelas a Miriam, no Femesala, e a Claudia e Souza, no Burela FSF.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.