10/04/2010

Unha traballada e merecida vitoria ante o León (3-2) garante aos burelaos o play off

Unha traballada e merecida vitoria ante o León (3-2) garante aos burelaos o play off

O Burela FS participará no seu quinto play off á División de Honra, en 2009-10. A traballada e merecida vitoria de hoxe ante o OE RAM León (3-2), a pesar dunha arbitraxe un tanto polémica, asenta os mariñáns na segunda praza (52 puntos) do Grupo Norte de Prata e garántelles a presenza entre os catro primeiros, con billete para a fase de ascenso.


Conscientes da relevancia deste encontro, os pupilos de Suso Rey non defraudaron. Saltaron á pista plenamente concentrados, co obxectivo do triunfo, fronte á motivación leonesa por manter as súas opcións para o play off, a un punto do cuarto.


Un temperán penalti, no minuto 8, por man de Jonathan Cámara trouxo a primeira alegría para a bancada laranxa, co 1-0 transformado por Revilla. A intensidade burelista, con ganas de incrementar a vantaxe, foi aproveitada polo RAM nunha contra, que materializou Bruno Cabral (minuto 14). O incesante asedio local no último tramo desta primeira parte non obtivo recompensa para o Burela FS; Revilla e Christian tiveron senllas oportunidades, con pases de Javi Rodríguez, pero o electrónico mantívose inalterado.


Tras o descanso, o cadro mariñán seguiu no empeño de bater a meta de Fofi. Os lanzamentos de Minu e Dani Martín nos primeiros segundos foron tan só un aviso, para o espectacular 2-1 (minuto 24), executado polo propio Dani Martín nunha escapada, na que incluso superou o gardameta leonés. A superioridade laranxa volveu subir ao marcador (minuto 28), nunha nova acción do salmantino en solitario. Non obstante, coa acumulación das cinco faltas do lado local, incrementou o perigo na área do Burela FS, que Edu soubo defender en repetidas ocasións, ata o terceiro dobre penalti, materializado por Jonathan Cámara (minuto 36), xa como porteiro-xogador.


Nos dous últimos minutos, o Burela FS tivo que soportar a agresiva presión leonesa, con magníficas intervencións de Edu.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.