30/04/2010

Os burelaos despiden a liga coa mirada no Grupo Sur

Os burelaos despiden a liga coa mirada no Grupo Sur

En Valverde, pista do pechacancelas do Grupo Norte, o Burela FS despide mañá a fase ligueira 2009-10, coa mirada posta nos resultados do Grupo Sur, que decidirán o rival laranxa na primeira eliminatoria da fase de ascenso a Honra. O encontro arrincará ás 18.30 horas, no pavillón municipal de Valverde del Majano, no horario unificado indicado pola LNFS para a trixésima xornada.


Os pupilos de Suso Rey viaxan a terras segovianas cos deberes feitos; a competición está resolta e a segunda praza asegurada (54). En fronte terán o farol vermello do grupo (26), que esgotará o último cartucho para acadar a permanencia, situada polo menos a 2 puntos.


O Valverde recibirá o Burela FS especialmente motivado pola repercusión do encontro; os segovianos precisan os puntos e saben, por experiencia, que non é imposible porque se lles dan ben os equipos da zona alta, incluído o laranxa. Das oito vitorias computadas na cuadrícula valverdana, tres foron ante conxuntos que ocupan os postos de play off:  Gijón-El Llano (3-9, 7ª xornada), Burela FS (2-4, 15ª xornada) e Grupo Empresas Talavera (5-1, 26ª xornada).


A única baixa no vestiario laranxa será a do canteirán Manu, que non viaxará por motivos persoais.


A última cita do Grupo Norte deparará un duelo de podio, entre o Gijón -terceiro, 48- e o líder talaverano -59-. Ao BP Andorra tocaralle defender a cuarta praza (46) ante o Illescas -sétimo-, fronte á presión do Colegios Arenas Gáldar -quinto, 45-, que se mide ao OPDE Ribera Navarra -undécimo.


Primeiro rival. Dende a súa segunda posición, o Burela FS iniciará a quinta loita laranxa polo ascenso a Honra o vindeiro 8 de maio na pista do cuarto clasificado do Grupo Sur, que se decidirá nesta última xornada. O Space Gasifred Ciutat d’Eivissa, ostentando a cuarta praza con 42 puntos, é o máximo candidato a enfrontarse cos mariñáns na primeira eliminatoria do play off; loitará polos tres últimos puntos en xogo na casa, ante o Bujalance, que é undécimo. Cos mesmos puntos, UMA Antequera está quinto, pero co ‘gol average’ en contra; deberá esperar un descoido dos eivisencos e non errar na pista do Caravaca Cruz, décimo. Os outros dous rivais en discordia polo último billete da fase son Jumilla Montesinos e Melilla, que dende os seus 39 puntos aínda non perderon todas as opcións. 

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.