01/05/2010

O Burela vence ao Valverde e medirase ao Eivissa na primeira rolda de ascenso a Honra

O Burela vence ao Valverde e medirase ao Eivissa na primeira rolda de ascenso a Honra

O Burela cumpriu coa súa obrigación e derrotou, na derradeira xornada da liga regular, ao Valverde por 3-6 nun duelo no que os locais se xogaban a categoría.


Desde o asubío inicial os burelenses apoderáronse do temón do encontro aínda que un par de bandazos provocaron que o Valverde se vise cun incrible 2-0 favorable. A pesar diso, os pupilos de Suso Rey mantiveron o rumbo fixo cunha intensidade moi alta que os locais non podían soportar. En consecuencia, remontada laranxa en catro minutos máxicos. Dani Martín, por partida dobre, Cristian e Minu cristalizaron o trepidante xogo visitante para chegar ao descanso con 2-4.


Na segunda parte, a superioridade burelense difuminou calquera indicio de reacción dun Valverde á deriva que se despedía da División de Prata. Javi Rodríguez aumentou a renda co 2-5, Aarón logrou recortar tras marcar o 3-5 que propiciou un mínimo halo de esperanza a un Valverde desesperado que optou polo porteiro-xogador. Instantes despois, Minu pechou calquera tipo de dúbida ao marcar o 3-6 desde o seu propio campo.


 


PLAY OFF DE ASCENSO


O Burela FS disputará a primeira eliminatoria de ascenso á División de Honra contra o Space Gasifred Ciutat d’Eivissa que retivo a cuarta praza do Grupo Sur, tras derrotar na última xornada ao Bujalance por 7-4. 

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.